Manuel Vázquez asegura que os colectivos ecoloxistas "están desgustados porque non interpretan ben o tema".
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, defendeu esta quinta feira o sistema de repartición de subvencións realizada polo seu departamento. Detectou, neste senso, "connotacións políticas" nas críticas de diversos colectivos ecoloxistas, que o acusaron de outorgalas de forma "interesada e fraudulenta" para beneficiar a grupos menos "incómodos" coas súas políticas.
Concretamente, facían referencia aos que se integran na Federación Galega de Medio Ambiente (Fegama), vinculada ao PSOE e Unións Agrarias.
"Non houbo ninguén en Galiza que solicitase unha subvención a esta consellaría e non se lle concedese", indicou o conselleiro, tras insistir en que o seu departamento non concede axudas "ao tapado", senón que "todo se publicou no DOG e ninguén reclamou".
Vazquez considerou que os colectivos ecoloxistas "están desgustados porque non interpretan ben o tema", e sentenciou que "a ecoloxía non é un monopolio de ninguén". Por iso, aínda que recoñeceu que asociacións como Adega, unha das que censuraron o sistema de axudas de Medio Ambiente, "traballaron moito", matizou que hai que ter en conta "outros colectivos que tamén están aí".
No entanto, censurou a "cara" destes colectivos por falar de razóns partidistas no repartimento de axudas, tendo en conta que "Adega ten unha clara connotación política, ademais de medio ambiental". Ademais, dixo que "calquera das asociacións que protestan reciben cinco ou seis veces máis que calquera outra".
Prestige
Por outra banda, Vázquez referiuse ao "mal recordo" do Prestige, no sexto aniversario do naufraxio, e considerou que Galiza está hoxe "mellor preparada que nunca" para facer fronte a outra marea negra.