Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ducias de colectivos "creados dun día para o outro"

Medio Ambiente asigna 622 mil euros para "un ecoloxismo a medida"

"Roza a prevaricación", denuncian desde algunha das asociacións máis antigas do país, asegurando que a consellaría de Manuel Vázquez promove un "chiringuito afín" para o "ecoloxismo amarelo".

R. Noguerol - 09:00 07/11/2008

"O conselleiro quere crear interlocutores a medida". Así o pensan diversos colectivos consultados por Vieiros. "Un intento de quitar presenza social ás entidades máis representativas e incómodas para a consellaría e recuperar modelos clientelares do pasado", critican. Como evidencia sinalan a recente resolución das axudas da Xunta a entidades ambientais. Trátase dunha queixa que xa manifestaran antes do verán, sinalando o desacordo cos criterios fixados este ano pola Consellaría de Medio Ambiente neste apartado de subvencións. Agora, entenden que a resolución das axudas confirmaría as sospeitas que denunciaban hai meses.

O apartado específico que espertara as suspicacias iniciais fora a introduciu na convocatoria dun apartado adicional destinado a "federacións" ambientais. É un criterio inexistente en anos anteriores onde os principais grupos formaban parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG), non existindo máis colectivo baixo esa denominación que a Federación Galega de Micoloxía. Porén, fíxase desta volta unha sección específica para federacións destinada a "investimentos", segundo o Goberno, coa fin de dotalas de infraestruturas que favorezan "unha actividade estábel". O feito de que ese tratamento diferenciado para as federacións coincidise coa aparición da chamada Federación Galega de Medio Ambiente (Fegama), indicaría segundo o resto de colectivos que a decisión da Xunta "non é casualidade". "Queren un ecoloxismo apesebrado, amarelo e títere, adicado a loar as políticas da consellaría", denuncia Fins Eirexas, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

Colectivos "creados dun día para o outro"
Os receos fronte á aparición da Fegama medran cando as asociacións máis antigas de Galiza detectan que a devandita federación está integrada por colectivos que ninguén coñece no movemento ecoloxista en rede no país. "Son ducias de grupos que xorden como fungos en apenas uns meses", explica Eirexas. Membros de Unións Agrarias e de listas locais do PSOE aparecen como representantes da maioría das novas entidades, que se integran sistematicamente nos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).

Diversos colectivos coinciden en sinalar que a aparición no tempo destas novas asociacións chega á vez que a Consellaría de Medio Ambiente modifica os criterios para outorgar as axudas a entidades ambientais, tal e como xa avanzara Vieiros o pasado mes de xuño. "Parecéronnos raros os cambios", indica Alfredo López, presidente do Colectivo de Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma), "pero no noso caso descoñecíamos a existencia desa nova federación e moito máis dos que a integran". Con todo, segundo López a maior sorpresa é que dun ano para o outro para optar ás axudas "deixan de contar criterios fundamentais" como son a avaliación de traxectoria, actividades realizadas ou nivel de implantación social, como son o número de asociados e de voluntarios. O representante da Cemma sinala que iso "fai sospeitar" a posíbel existencia de motivacións ocultas na estratexia da consellaría. "Algo tan básico como que a solvencia deixa de importarlles á hora de outorgar fondos públicos", engade ao respecto Fins Eirexas. Sobre o mesmo asunto Xosé María García, de Verdegaia, láiase de que se decida usar "tan caprichosamente" os cartos de todos.

Os recentemente chegados acaparan o investimento
A "indignación" entre os colectivos que acumulan longas traxectorias de actuación no país dispárase no momento en que hai poucas semanas se coñece a resolución das axudas da consellaría. A nova Fegama e o conxunto de asociacións creadas nos últimos meses acapara entón até 622 mil euros, unha media de 21.475 euros por cada un dos grupos que integra. Segundo debullou Adega, isto supón case o dobre da media de diñeiro concedida ao resto de colectivos e máis da metade do total.

Así por exemplo, no apartado referido a actividades de divulgación, educación ambiental e outras, a Fegama e asociacións integrantes ingresa un total de 463 mil euros, mentres que o resto de asociacións suma 374 mil e a FEG un total de 28 mil euros. No apartado de investimentos, exclusivo para federacións, Medio Ambiente dálle 99 mil euros á Fegama, 3.391 euros á Federación Micolóxica e apenas 828 euros á FEG.

Supresión de criterios e introdución de valoracións "subxectivas"
Independentemente desas cantidades, os grupos consultados coinciden en centrar as críticas no propio proceso deseñado pola consellaría para "favorecer arbitrariamente a uns sobre outros". "Roza a prevaricación", denuncia Fins Eirexas (Adega), admitindo que se ben o departamento de Manuel 'Pachi' Vázquez elaborou unha convocatoria que formalmente cumpriría cos requirimentos burocráticos formais, na práctica trátase dunha concesión "escandalosamente amañada". Unha análise na que coinciden outros representantes do movemento ecoloxista que prefiren non entrar publicamente na polémica. Sinalan ao respecto que se ben a operación de Medio Ambiente estaría no gume do legal, foi realizada vixiando que a tramitación administrativa non deixase fíos para a actuación da xustiza, o que de todos os xeitos converte a manobra de Vázquez nunha acción "censurábel política, ética e moralmente".

Máis conciliadora, Paula Vidal, de Amigos da Terra, apunta que non queren criticar "novos grupos que acaban de nacer, e non sabemos o que farán ou non farán no futuro". Con todo, reflexiona que "se se elimina toda liña clara e se reparten tantos cartos a asociacións das que non se sabe nada, é lóxico que sospeitemos". Na opinión de Vidal o feito de que se modifique o modelo de axudas e que paralelamente xurdan grupos "pantasma" que se poidan ver beneficiados por esas axudas, crea necesariamente "desconfianza" entre o movemento ecoloxista.

Na mesma liña, desde Verdegaia, Xosé María García quéixase do sistema "caprichoso" artellado por Medio Ambiente a través dunha convocatoria "vaga e aberta que permite moita discrecionalidade no reparto". "Evidentemente non imos discutir con Fegama quen é máis ou menos ecoloxista, pero fóra diso, sucesos como este levan a pensar que o conselleiro usa os recursos públicos para "construír un ecoloxismo a medida". Para García, o acontecido neste caso sería apenas a punta do iceberg do "fracaso" da consellaría á hora de enfrontar os desafíos ambientais do país. O voceiro de Verdegaia analiza que o equipo de Manuel Vázquez non foi quen de impulsar políticas reais en favor da sustentabilidade e que a "reticencia ao diálogo" sería o mellor exemplo desa actitude.

A consellaría cala e Fegama rexeita as acusacións
Desde a Consellaría de Medio Ambiente rexeitaran xa responder hai meses ás interpelacións ao respecto da polémica convocatoria, trasladando apenas que consideraban que o procedemento non se modificara sustancialmente. Desta volta, e até o momento, declinaron responder ás preguntas de Vieiros sobre o tema.

Por outro lado, desde a plataforma que aparece no centro da polémica, Fegama, o seu secretario xeral técnico, Miguel Acuña, explica que a federación "limitouse a poñer proxectos enriba da mesa igual ca os demais". "Nós non deseñamos o modelo de axudas nin temos relación coa consellaría", subliña Acuña, "e non pretendemos competir por ver quen é máis ecoloxista". O voceiro de Fegama asegura que, malia nacer hai pouco, a federación "ten moita base social". De paso, argumenta que os colectivos integrantes xorden con perspectivas "diferentes" ás dos grupos ambientais habituais e "máis apegados ao medio rural". "Non queremos un ecoloxismo fundamentalista e propoñemos unha forma distinta de facer as cousas", declara. "Se cadra estaban acostumados a recibir de todo e agora non queren repartir", suxire Miguel Acuña sobre as queixas do resto de asociacións.


4,79/5 (29 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Reparto de axudas sobre o total de arredor de 1,2 millóns de euros / Gráfica: Adega
Reparto de axudas sobre o total de arredor de 1,2 millóns de euros / Gráfica: Adega
Reparto no apartado de investimentos
Reparto no apartado de investimentos
Subvencións para "actividades"
Subvencións para "actividades"
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, co presidente Touriño no Consello da Xunta desta semana
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, co presidente Touriño no Consello da Xunta desta semana