Segundo os críticos, a nova rede ambiental tecida no contorno de PSOE e UUAA é unha peza máis do acaparamento que socialistas e PP fan dos grupos de desenvolvemento rural.
"Isto pode crear unha distorsión ben grande do traballo dos grupos de desenvolvemento rural", láiase Charo Sánchez Parga, secretaria de Medio Ambiente, Terras e Montes do Sindicato Labrego Galego (SLG). Advirte Sánchez Parga de que as formacións e correntes afíns a PP e PSOE marxinan grupos "activos, con presenza e traballo real de moitos anos" simplemente por non consideralos próximos ás súas respectivas leiras políticas.
Nese contexto, o SLG relaciona tamén a aparición recente do que consideran un instrumento máis da rede tecida por populares, e neste caso concreto, polos socialistas, a Federación Galega de Medio Ambiente (Fegama). Opinan que o PP xa tiña a pé do rural unha activa rede de persoas e colectivos coa que acaparar o protagonismo na aplicación dos programas da administración. E consideran que o PSOE trata agora de perfeccionar a súa propia, e no que á Fegama lle toca, co privilexio das subvencións "a medida" outorgadas pola Consellaría de Medio Ambiente. A responsábel de Medio Ambiente do SLG di esperar que cando menos os colectivos "clónicos" creados no contorno de UUAA demostren co traballo concreto "o seu posicionamento" arredor dos desafíos para o medio ambiente do país.
Metendo o pé nos GDR
Xa que logo, cando menos quince dos colectivos ecoloxistas que integran a Fegama contan con responsábeis pública e directamente vencellados ao sindicato Unións Agrarias (UUAA), próximo á UXT e ao PSOE no ámbito agrario, ou ben é algún membro deste partido o que aparece á fronte da asociación. Tal e como lles avanzamos hai poucos días, membros da Federación Ecoloxista Galega (FEG) consultados por Vieiros, advirten de que "resulta sospeitoso" que coincida no tempo o proceso de constitución dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), o nacemento das novas asociacións, e a integración destas neses GDR. "Alguén podería pensar que é algo premeditadamente organizado", suxiren.
Así, e alén das filiacións persoais que calquera membro de Fegama puidera ter, a desconfianza dos colectivos ecoloxistas máis antigos do país fronte ao abrollo "da noite para a mañá" destes novos grupos ambientais, xorde da súa vinculación cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Os GDR constitúense por iniciativa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellaría de Medio Rural, coa fin de organizar a xestión do plan "Leader Galiza 2007-2013", fondos por valor de máis de 140 millóns de euros.
Tal e como está estabelecido, o programa Leader en cada un dos territorios fixados en toda Galiza por Agader, é executado polo GDR local, entidade que incorpora todas as asociacións do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional que soliciten participar. Deste xeito, é o propio GDR o que analiza e decide a valoración das iniciativas locais que solicitan financiamento, fixando porcentaxes de axudas. Así, a Xunta estabeleceu 31 GDR a actuaren nas súas correspondentes demarcacións territoriais.
Loita política polo control dos cartos que veñen da UE
É neste contexto onde se entenderían as suspicacias e críticas ao respecto da creación dun amplo número de grupos con nomes "clónicos", segundo denuncia de Adega. Desde este colectivo ambiental, Fins Eirexas opina que ademais de nacer aparentemente como un "ecoloxismo ao servizo de Pachi Vázquez", as asociacións integrantes de Fegama aparecerían "claramente teledirixidas desde o PSOE e Unións Agrarias".
Ao fío, convidan a repasar a lista de GDR e advertir as coincidencias entre os membros de Fegama e Unións Agrarias. Desde o GDR 1, onde a bautizada Asociación Ecoloxista da Mariña de Lugo aparece encabezada por un membro deste sindicato, até o GDR 31, onde a Asociación Naturista de Ortegal tamén está vencellada á formación sindical agraria. O propio secretario técnico de organización de Fegama, Miguel Acuña, aparece no GDR 16. No caso por exemplo da Asociación Naturista do Ribeiro e a Asociación para a Defensa do Medio Ambiente de Verín, integradas nos GDR 9 e 12, os seus representantes aparecen en listas municipais do PSOE.
UUAA e Fegama destacan a "transparecencia" e rexeitan as acusacións
"Nos colectivos da Fegama hai xente de Unións Agrarias como a pode haber en calquera outro campo", sostén Xacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural do sindicato UUAA. Feijoo afirma non entender as críticas recibidas e salienta que cando menos as xuntas directivas son froito dun pacto a todas as bandas. Isto é así xa que por lei as organizacións profesionais agrarias deben ter presenza obrigatoriamente nos GDR. Na opinión do responsábel de UUAA, independentemente das leas concretas aló onde exista máis dunha candidatura, a situación "non é problemática". Ao contrario, insiste Xacobo Feijoo en que desde o cambio de goberno a transparencia na xestión dos Leader "é máxima" derivada das novas directrices de Medio Rural. Feijoo é ademais optimista ao respecto da efectividade que terán sobre o rural galego. "Malia os recursos limitados, que dan para o que dan, a viraxe é significativa, e hai un interese participativo moi alto por parte da xente", destaca.
Sobre o mesmo asunto, desde Fegama retrucan ás acusacións de seren "instrumento do PSOE e UUAA" subliñando a súa "independencia" e afirmando propoñeren un "novo xeito de entender o ecoloxismo". Así, preguntados ao respecto, en Fegama rexeitan que exista calquera proxecto coordinado politicamente no sentido en que insinúan outros grupos ecoloxistas. O voceiro de Fegama, Miguel Acuña, admite o seu vínculo anterior con Unións Agrarias e Asefoga, na súa condición de enxeñeiro ambiental, pero critica que se traten de estabelecer vínculos entre Fegama e o ámbito sindical ou político e asegura non ter xa vínculo laboral con UUAA. "É unha idea descabellada", insiste. Por outro lado, explica que a nova plataforma ecoloxista sae das inquedanzas dun conxunto de xente convencida da necesidade de "ofrecer novas propostas no plano ambiental máis próximas á realidade do mundo rural galego". "Nós presentamos as nosas ideas e memorias como todo o mundo", afirma Acuña, "e recibimos cartos como os demais".