Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Do 9 ao 12 de outubro, en Castelló (Valencia)

Un cento dos nosos participan nos VI Xogos Estatais Special Olympics

Galiza estará representada por deportistas de sete asociacións procedentes de Monforte, Compostela, Burela, Ourense, Vigo e A Coruña.

Redacción - 14:10 07/10/2008
O facho de Special Olympics ao seu paso por Compostela o mes pasado

O facho de Special Olympics ao seu paso por Compostela o mes pasado

Este xoves comeza a sexta edición dos campionatos estatais impulsados pola organización Special Olympics como medio de integración das persoas con discapacidades intelectuais.

Antes de partir cara a Castelló (Valencia), onde se disputarán os Xogos deica o domingo, os nosos representantes -en total, 92 pertencentes a asociacións de Monforte, Compostela, Burela, Ourense, Vigo e A Coruña- reuníronse co director xeral de Acción Social, Bieito Seara, que lles entregou o material deportivo co que han participar.

En Castelló agárdase a chegada dun total de 1.500 deportistas, que competirán en 26 disciplinas diferentes. Os outros grandes protagonistas destes catro días son todas aquelas persoas que ofrecen a súa colaboración de forma desinteresada. Na cidade española estarán 370 adestradores e delegados, 500 voluntarios, 100 árbitros e xuíces e 50 técnicos e persoal da organización.

Programa completo

Entre as disciplinas están o atletismo, o baloncesto, a natación, o fútbol sala ou probas adaptadas en motricidade. Pero o programa ofrece actividades paralelas, como varias sesións de formación técnico-deportiva dedicada aos técnicos e voluntarios. Tamén se celebrará unha feira do ocio na que se habilitarán xogos e talleres durante os catro días de competición.

40 anos a traballar pola integración
Special Olympics é unha organización creada no ano 1968 coa intención de fomentar a práctica do deporte como un medio de integración para as persoas con discapacidades intelectuais. Nesta liña traballou durante catro décadas até chegar na actualidade a sumar máis de dous millóns de deportistas, repartidos polos máis de 170 estados nos que ten representación.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: