Os 9 integrantes do equipo de Baloncesto Special Olympics Galiza, que agrupa a deportistas con discapacidade intelectual, fixéronse coa medalla de ouro na competición de Baloncesto nos Xogos Nacionais de Verán de Austria, celebrados na localidade de Kapfenberg no pasado mes de xuño. O equipo galego foi o único representante do Estado neste certame.
O equipo de baloncesto do Special Olympics Galiza, formado por deportistas da Asociación Saladino Cortizo, de Vigo, superaron na liguiña da competición de nivel III (básico) aos equipos de Suiza e Eslovenia, mentres que perderon por dous puntos de diferencia contra Austria. Unha vez superada esta fase inicial, os galegos pasaron á emifinal na que se enfrontaron a Austria, á que gañaron por 23 – 12, pasando así á final na que se impuxeron a Suiza cun marcador de 29 – 25.
Os Xogos Nacionais de Verán de Austria albergaron competicións para deportistas con discapacidade intelectual de atletismo, baloncesto, balonmán, bocce, ciclismo, fútbol, ximnasia, levantamento de peso, natación, patinaxe sobre rodas, probas motrices, tenis, tenis de mesa, e voleibol. Os campións galegos foron os únicos de todo o Estado con participación neste campionato.