Os xogos galegos son o paso previo para o campionato estatal que se disputará o vindeiro día oito de outubro en Castelló.
Imaxe de outra proba organizada por Special Olympics
As instalacións deportivas do campus sur albergarán diversas probas como a velocidade, fondo, ou lanzamento de peso. A undécima edición dos Special Olympics galegos terá unha alta participación, con máis de 280 atletas, 50 voluntarios e máis de 70 técnicos procedentes de diferentes asociacións.
A xornada deportiva prolongarase desde as 11.00 até as 19.00 horas.Está comprobado que a práctica deportiva continuada en persoas con discapacidades intelectuais favorece o desenvolvemento físico, pero tamén aspectos como unha mellora na toma de decisións ou o aumento da autoestima, ambos fundamentais para progresar na autonomía da persoa.
40 anos traballando pola integración
A organización Special Olympics foi creada no ano 1968 por Eunice Kennedy Shiver, irmá do defunto presidente John Fitzgerald Kennedy. Eunice crea esta organización coa idea de fomentar a práctica do deporte entre persoas con minusvalías intelectuais.
Nos seu 40 anos de historia, a creación de Eunice Kennedy converteuse nun auténtico éxito, e na actualidade trátase dun movemento recoñecido polo Comité Olímpico Internacional, con representación en máis de 170 estados e case dous millóns de deportistas tomando parte. Pero todo este progreso non sería posíbel sen o apoio de persoas desinteresadas como o medio millón de voluntarios e os miles de técnicos e simpatizantes que hoxe en día contribúen a que o lume olímpico permaneza aceso tamén para estes deportistas.