Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRANCISCO CHIVITE, SUBDIRECTOR XERAL DE GANDARÍA

"O lóxico será que nos vindeiros días xurdan máis casos de lingua azul"

Unha vez detectadas as primeiras reses autóctonas afectadas, a previsión é que se multipliquen os positivos até ter totalmente controlada a enfermidade.

Redacción - 12:10 25/09/2008

Que aparezan máis animais afectados polo virus da lingua azul é cuestión de tempo. Esta é a evolución lóxica despois de que Galiza sexa xa zona afectada pola enfermidade. Así nolo explica Francisco Chivite, veterinario e subdirector xeral de gandaría, departamento encargado da planificación, execución e seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación e control de enfermidades animais.

Vieiros: Esta semana Medio Rural anunciaba a confirmación dos primeiros casos de lingua azul detectados en animais nacidos en Galiza, ¿como se deu o paso da aparición do virus en animais exportados até os animais autóctonos?
Nos nosos controis confirmamos até o de agora a ausencia de virus en animais nacidos en Galiza, se ben xa tiñamos detectados unha cincuentena de animais afectados procedentes tanto de Europa como da cornixa cantábrica. Agora constatamos a presenza do virus en animais galegos, grazas ao control mantido en explotacións consideradas de risco, onde xa se detectaran casos. Os dous riscos principais viñan ou ben a partir da incorporación de animais de importación, ou ben pola onda de mosquitos que se trasladan dende o foco asturiano. Esta última é a hipótese máis probábel.

Algún medio publicou unhas declaracións do delegado de Medio Rural en Lugo, Emilio López, nas que acusaba a Asturias de retardar a confirmación dos seus casos de lingua azul, podería terse evitado a chegada a Galiza?
Sen dúbida esas declaracións foron mal interpretadas. A consellaría non defende esa liña: a chegada da lingua azul a Galiza era unha previsión, simplemente adiantouse sobre o previsto. A circulación viral é unha realidade en toda a cornixa. Afirmar que se puidera ter evitado é traballar sobre hipóteses e afirmalo é moi difícil.

O operativo de vacinación posto en marcha pola consellaría está en marcha dende o primeiro de setembro, ¿como se está a abordar e que mudará a partir de agora?
A nosa campaña propoñíase un obxectivo máis a medio prazo, o que permitiu que Medio Rural leve vacinadas até o de agora 112.000 reses. Neste escenario no que xa se detectaron casos, a previsión é que en dúas semanas estean postas as dúas doses necesarias en todas as explotacións dos concellos limítrofes co foco asturiano, é dicir, nas granxas da mariña. Non obstante, o normal agora é que nos vindeiros días haxa un incremento no número de afeccións por lingua azul, polo que xa está en marcha todo o operativo de sospeita.

Algúns gandeiros lamentaban o tempo que tardan en coñecer os resultados despois de realizárense as análises, cal é o procedemento que se segue?
Pódense facer dous tipos de mostra: a molecular ou a proba Elisa. Unha vez procesada esta mostra obtemos un resultado preliminar, que podemos coñecer nuns tres ou catro días. Pode dar un resultado positivo claro, negativo claro ou non concluínte. Neste último caso sería necesario un novo procesado da mostra, que retardaría un resultado definitivo. Enviaríase entón ao centro de referencia en Algete (Madrid) e alí confirmaríase o resultado. Neste caso, o resultado podería demorar unha semana máis.

¿Tamén hai queixas de gandeiros por ter inmobilizado o seu gando malia non terse confirmada a diagnose?
Evidentemente non queremos correr riscos. Unha vez que hai unha sospeita clínica inmobilízase a explotación. Se finalmente se confirma o positivo, incrementarase o control sobre esa explotación. Aos seus animais quédanlle entón dúas opcións: ou o sacrificio directo, ou a saída dos animais, para o que é necesaria unha certificación de que ese animal non está afectado pola lingua azul. Nestas condicións o gando poderá desprazarse só até Cataluña, Aragón, Asturias e Cantabria, zonas tamén afectadas polos virus. Este protocolo seguirase durante os dous meses seguintes á detección.

Os sindicatos están a reclamar algún tipo de subvención para compensar as perdas destes gandeiros, ¿teñen prevista algunha axuda dende a Consellaría?
Hai publicado un baremo oficial que prevé a compensación por cada unha das reses que morran ou sexan sacrificadas por mor do virus da lingua azul. Até o momento non hai ningún trámite iniciado porque os primeiros casos positivos acábanse de confirmar, pero a lexislación xa o contempla. O estipulado oscila entre os 115,72 euros por unha res de ovino cabrón leiteiro, até os 96,05 euros por gando ovino de carne, etc. As cifras están publicadas e tratan de compensar a perda do gandeiro.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: