Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A maioría en explotacións de ovino

Detéctanse nove casos de lingua azul en reses nacidas no país

Apareceron nos concellos de Lourenzá, A Pontenova e Barreiros, polo que as comarcas da Mariña Oriental e Central e mais a de Meira quedarán sometidas a restricións.

Redacción - 14:20 23/09/2008

Malia que xa se deran casos de contaxio por lingua azul en reses importadas, até o de agora non aparecera ningún en animais nacidos en Galiza. Non obstante, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, informou da detección destes novos casos, repartidos entre seis explotacións de gando ovino e dúas de vacún, en Lourenzá, A Pontenova e Barreiros. En consecuencia, as comarcas da Mariña Central, a Mariña Oriental e Meira pasan a ser considerada zonas afectadas e, polo tanto, quedan sometidas a restricións no movemento ou traslado de gando.

Até o momento, foron vacinadas 112 mil reses, se ben a previsión da Consellaría de Medio Rural é que a finais de ano, 1,4 millóns de reses da cabana de gando bovino, ovino e caprino estean completamente vacinadas, nas doses necesarias. Neste sentido, Suárez Canal subliñou que o operativo de vacinación estaba xa en marcha e que "o avance da lingua azul pola cornixa cantábrica era unha cuestión de tempo".

Consecuencias legais
Agora incrementaranse as restricións ás explotacións gandeiras dentro da área restrinxida: non se permitirá a saída dos animais das explotacións sen sometérense antes a un proceso de desinfección. Este protocolo seguirase nun período de dous meses, necesario para evitar posíbeis contaxios. Así, a saída de reses dende estas zonas só será posíbel cun documento de autorización e a previa realización dunha proba PCR, que debe dar un resultado negativo.

Doutra banda, o conselleiro recordou que a lingua azul aféctalles só ás explotacións gandeiras e que a enfermidade non ten afección ningunha nos seres humanos.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: