Publícase unha versión do paquete ofimático libre á que só lle faltan pulir erros de cara ao lanzamento definitivo, a mediados deste mes.
Xa está dispoñíbel a primeira versión candidata de OpenOffice.org 3.0, o paquete ofimático aberto máis coñecido, en galego. Hai que lembrar que este software foi traducido á nosa lingua no último encontro Xuventude Galiza Net coa coordinación de Mancomún.
Aínda que esta versión non é a definitiva, pois quedan posíbeis erros por corrixir, si nos ofrece a posibilidade de probar todas as súas novas características e funcións. Unha das máis novidosas é a importación de arquivos PDF, que xa antes podía crear, mais non editar.
A saída do OpenOffice.org 3.0 final está prevista para arredor do 16 de setembro. Até entón, pódese descargar a versión para Windows, Mac, Linux e Solaris dende varios servidores de réplica, como a da Universidade da Coruña.