Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
AMPLÍA E MELLORA O SEU PRECEDENTE

Mancomun.org ofrece unha nova versión do corrector lingüístico en galego para o OpenOffice

Mancomun.org vén de presentar unha nova versión do paquete ofimático OpenOffice.org que inclúe a versión 1.0 do corrector linggüístico para o galego que completa a anterior. Este novo lanzamento enmárcase no obxectivo de ofrecer "de xeito constante produtos de software actualizados no noso idioma e de xeito gratuíto e libre", segundo din desde esta iniciativa a prol do software libre que promove a Consellaría de Innovación e Industria a través dun convenio de colaboración co Centro de Supercomputación de Galiza.

- 12:27 04/10/2006
Tags:

O OpenOffice.org 2.0.3 en galego vén acompañado dun novo corrector ortográfico na súa versión 1.0 que conta con máis de 21 millóns de palabras recollidas que amplian a anterior versión da que dispuña o dito paquete. Ámbas as dúas aplicacións pódense descargar libre e gratuitamente na súa web e repartiranse en eventos de promoción do Software Libre e da lingua galega, segundo explican os promotores, que confirman tamén que a próxima versión en inglés tamén será traducida ao galego.

A iniciativa galega a prol do software libre e graruíto actúa ademais coma Observatorio do Software Libre co fin de estudar a realidade das empresas, os concellos, os centros educativos e a sociedade galega en xeral en relación ao uso das tecnoloxías abertas. O Observatorio ten desenvolvidas máis de 500 referencias relacionadas coa observación tecnolóxica, o papel do Software Libre nas pemes, as políticas e iniciativas ou grupos de usuarios de Linux, entre outras iniciativas.

O portal Mancomun.org foi creado o dez de maio do 2006 pola Consellaría de Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información e coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Os eixos principais de mancomun.org están baseados "nun modelo de traballo colaboración, aberto e estandarizado, público, transparente e de calidade", din. Actualmente, o portal recibe unha media de máis de 1.000 visitas diarias, segundo os datos que achegan os impulsores da iniciativa.


0/5 (0 votos)