Até máis de 100 mil euros lle entregaron algúns clientes a Martinsa-Fadesa sen recibir pola contra información algunha sobre o preceptivo aval que a lei esixe. Así o está detectando a Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas, Adicae, que logo de numerosos requirimentos á empresa non recibiu aínda resposta. A gravidade do caso aumenta dada a situación actual do grupo, en suspensión de pagos, de xeito que eses avais poderían ser a única esperanza dos consumidores de recibiren as cantidades íntegras que xa aboaran. Por este motivo, o colectivo deseñou para os afectados unha folla modelo de reclamación para entregárena na ducia de entidades coas que traballa habitualmente Martinsa-Fadesa e solicitaren esa información.
Adicae vai dirixirse directamente ás respectivas direccións xerais de Vivenda en todo o Estado para instalas a investigar o acontecido e garantiren que os dereitos dos consumidores sexan respectados. Alén da documentación dos avais, as cantidades entregadas a conta polos consumidores deberan ter sido depositadas en conta aparte, tal e como estabelece a lei. Con todo, trátase de prácticas irregulares practicadas por outras promotoras-inmobiliarias, segundo detectou a asociación.
Ao respecto, desde Martinsa-Fadesa atribúenlle a responsabilidade deste tipo de actuacións en exclusiva a Fadesa, no tempo en que, antes da fusión, Manuel Jove pilotaba a inmobiliaria. Así, xa en días pasados aseguraban que as vivendas comercializadas antes de obteren licenza de construción procedían de Fadesa, subliñando que trataron de corrixir esas prácticas unha vez mercada a empresa.