A empresa de produtos de luxo LVMH detectou copias dos seus bolsos e distribucións non autorizadas dos seus perfumes.
Un tribunal francés condenou o portal de poxas eBay a pagarlle 40 millóns de euros á firma de luxo LVMH por permitir a venda en liña de falsificacións dos seus produtos. Segundo a empresa, que vende marcas como Louis Vuitton, Christian Dior e Givenchy, eBay non tomou medidas abondas para evitar a distribución de bolsos e perfumes falsos.
A defensa de eBay afirmou que LVMH tentaba "protexer prácticas comerciais anticompetitivas a custo da escolla do consumidor", e anunciou que recorrerá a sentenza. O proceso iniciárono seis marcas do grupo: a división de bolsos de Louis Vuitton e a de roupa Christian Dior denunciaron que se estaban a poxar copias falsas dos seus produtos, mentres que os perfumes Dior, Guerlain, Kenzo e Givenchy queiráronse das vendas "ilícitas" de bens auténticos, que teñen un circuíto de distribución limitado.
Vanesa Canzini, voceira de eBay, considerou que a sentenza valida a práctica de LVMH que restrinxe que os consumidores poidan acceder aos seus produtos a través doutras canles comerciais.
É xa a segunda sentenza deste tipo nun mes contra eBay en Francia. A anterior condenara a web como responsábel da venda de bolsos Hermès falsos, cunha multa de 20.000 euros compartida entre o portal e a muller que vendía os produtos.
Profesionalización
Ademais, o goberno francés chegou a un acordo con eBay para que os vendedores da web que gañen máis de 2.000 euros ao mes se profesionalicen. O convenio, que tamén se asinará con outras plataformas de comercio electrónico, pretende xerar "varias decenas de miles de empresas nos próximos meses".
Deste xeito, busca animar os particulares a que se unan ao estatuto de autoemprendedor que se está a debater no parlamento francés como parte da futura Lei de modernización da economía. Entre as súas medidas atópase a creación dun novo réxime fiscal simplificado para os que decidan crear empresas.