Irá acompañado de investimentos por valor de 150 millóns de euros en proxectos industriais, ambientais e formativos.
A cooperativa Icos, da comarca de Chantada, é unha das promotoras
Catro das principais cooperativas leiteiras do país, Feiraco, Os Irmandiños, Colaga e Icos lideran o proxecto Ventos Cooperativos para a construción de oito parques eólicos con 498 millóns de euros de investimento directo, que poderían beneficiar a oito mil produtores lácteos e a 30 mil habitantes do rural.
O plan presentado, no que tamén participan ademais as compañías tecnolóxicas Eolia Renovables e Croquis Enerxía, aspira a unha potencia total de 357 megavatios e vai acompañado de investimentos suplementarios por valor de 150 millóns de euros en proxectos industriais, ambientais e formativos.
Unha das características de Ventos Cooperativos é que contempla a participación na produción dos propietarios dos montes, así como a posibilidade de que os socios das cooperativas e mais os habitantes dos 14 concellos onde se implantarán os parques participen tamén na titulación dos activos financeiros necesarios, informan os promotores.
Salientan, tamén, que de resultar adxudicataria do concurso convocado pola Consellaría de Industria, os parques eólicos contarán con "tecnoloxías de última xeración e control remoto", concretamente, aeroxeneradores fabricados no noso país, "con capacidade 13,3 veces superior" aos primixenios.
Proxectos de investimento
Entre os proxectos complementarios presentados ao concurso eólico, salientan os de de I+d+i, relacionados coa "redución de emisións de metano entérico na produción de vacún de leite", coa "construción e explotación" dunha "planta de transformación de xurro en gas natural" e co "estudo de novas moléculas biolóxicas para alimentación animal, utilizando residuos de producións agrarias".