Os empresarios Manuel Jove, ex presidente de Fadesa; Jacinto Rei, presidente do Grupo San José; e Epifanio Campo, dono de Cerámica Campo, pecharon un acordo co grupo Ence para constituír unha empresa e optar ás concesións que a Xunta vai repartir nos vindeiros meses.
A nova sociedade ten previsto construír unha papeleira en Galiza que permita pechar o ciclo produtivo e proceder ao traslado de Ence fóra da ría de Pontevedra antes de 2018. O municipio das Pontes xa anunciou que estaba disposto a albergar a polémica factoría.
O empresario da Laracha Epifanio Campo e o pontevedrés Jacinto Rey, que amasan dúas das maiores fortunas de Galiza, lograron finalmente entenderse pese a que hai poucos meses romperan os negocios que compartían no grupo enerxético Gaelsa, que promove Manuel Jove.
Por outra banda, tamén opta ao concurso eólico Banco Pastor, que presentou a súa proposta asociado con Gas Natural e coa empresa galega Alen Ingeniería. Fontes que participaron neste proxecto destacaron a Europa Press que Banco Pastor e Alen achegan a parte galega desta proposta e fixeron fincapé na "solidez financeira" da cal dota ao proxecto o banco galego e en que Gas Natural é "líder no sector da enerxía".
Outras entidades financeiras, como Caixanova e Caixa Galicia e outros grupos empresariais galegos tamén pelxan polos novos parques eólicos que permitirán que Galiza conte no ano 2012 cunha potencia de 6.500 megavatios.
Industria quere resolver en outubro o concurso
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asegurou na tarde deste martes que a intención do departamento que dirixe é resolver o concurso eólico para adxudicar 2.325 megavatios "en tres ou catro meses" e sempre antes de outubro, e resaltou a importancia de todos os proxectos presentados tanto no ámbito enerxético como no terreo industrial.
Fernando Blanco recoñeceu a importancia de que os empresarios Manuel Jove, Jacinto Rey e Epifanio Campo lograsen constituír unha empresa con Ence para poxar no concurso eólico, xa que iso favorecerá a construción dunha papeleira en Galiza que permita trasladar Ence fóra da Ría de Pontevedra, que recordou que é "non só un compromiso político do Goberno, senón con esa cidade e co conxunto de Galiza".
Porén, subliñou que "todos os proxectos", dos "moitos e moi importantes" presentados ao maior concurso de megavatios eólicos da historia de Galiza, teñen trascendencia porque permitirán que "nun período de crise, Galiza conte con proxectos industriais con capacidade de xerar actividade económica e emprego".
O obxectivo da Consellería de Innovación e Industria é axilizar os prazos de resolución do concurso eólico, de forma que non se cheguen a esgotar os seis meses que permite a orde de convocatoria, para isto reforzouse o persoal destinado a avaliar os proxectos presentados.
Fernández Antonio: “Proxecto estratéxico”
Preguntado respecto a que Jove, Campo e Rey lograsen pechar o acordo con Ence para concorrer ao concurso eólico, o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, sinalou que deben ser os promotores desta alianza estratéxica os que detallen os pormenores, pero destacou que se trata dunha operación "impulsada polo Goberno galego" porque é un proxecto "estratéxico para Galicia e para o desenvolvemento da súa industria forestal e enerxética".
En declaracións a Europa Press, Fernández Antonio fixo fincapé en que se trata dun "proxecto sólido e estratéxico que permitirá cumprir o compromiso de trasladar Ence fóra da ría de Pontevedra", que recordou que é unha das promesas do Goberno recollida no pacto do bipartito entre socialistas e nacionalistas.
O responsábel de Economía manifestou o seu convencemento de que o proxecto de construír unha papeleira en é "viábel, positivo e rendíbel" para Galiza. Aínda así, apuntou que os propios empresarios serán os que deban decidir a situación do novo complexo papeleiro, xa que á Xunta o que lle corresponde é "fixar as condicións ambientais".