Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pide unha suba do 15% nas taxas eléctricas

Fenosa apela á "raíz galega" na procura de tallada eólica

O presidente do grupo empresarial, Pedro López Jiménez, a prol do relanzamento da enerxía nuclear.

Redacción - 09:00 01/04/2008

"Raíces" galegas e "compromiso" con Galiza foron dous conceptos postos na mesa este luns polo presidente de Unión Fenosa, Pedro López Jiménez, á hora de explicar que a súa empresa pretende chegar a unha cota de até o 20% do total do negocio eólico xerado no país.

López Jiménez pronunciouse así durante a súa intervención no Club Financeiro de Vigo, e mesmo chegou a opinar que esa "raíz" galega "debería puntuar" á hora de aspirar ao reparto dos 2.325 MW no concurso aberto pola Xunta. O presidente do grupo empresarial dixo incluso que na súa opinión podería falarse de "subvención indirecta" a Galiza á hora de garantir niveis de calidade similares por exemplo "a Madrid" cando segundo subliñou "os custos son maiores aquí pola dispersión poboacional".

Suba de taxas
O presidente de Fenosa tamén chamou ás administracións a permitírenlle ao sector "achegar as tarifas á realidade", queixándose da existencia dun presunto desfase entre os ingresos das compañías e os custos de produción e distribución. Segundo asegurou, ese desfase está "por riba do 15%" dos ingresos en 2008. "Hai que levar os prezos á realidade", dixo, advertindo ao respecto de que "o Estado español pode ter problemas con Bruxelas" co formato actual.

Pedro López asegurou comprender que "non se aplauda que os prezos da enerxía se axusten", pero afirmou que "a transparencia é o lóxico, porque se se tapan os problemas, o pagamos en conxunto". Nese sentido, recalcou que "cuns prezos que non son realistas non se promove a sustentabilidade nin a eficiencia". Por outro lado, dixo temer que o "cambio de ciclo económico" introduza o "risco" de que se volva a políticas intervencionistas por parte da administración, e sinalou que o sector enerxético "non é alleo a estes problemas". Comentou ademais que "a ninguén lle gusta ningún tipo de taxa parafiscal indirecta", en referencia ao canon hidráulico que pretende instaurar a Xunta. "Se se acepta é porque non hai máis remedio, pero non, ninguén o aplaude", reiterou sobre a posición do sector fronte a esta iniciativa.

Fenosa aposta pola enerxía nuclear
Cara ao futuro, Pedro López citou a enerxía nuclear, aínda que deu por feito que o Estado español "non avanzará" até que non dean "un paso á fronte" países como Alemaña e o Reino Unido, seguindo o exemplo de Francia. Así mesmo, instou a CEOE a pronunciarse porque, na súa opinión, sería "pintoresco" que se manifestase en contra, ou que non o fixese, en contraste coa posición dos grandes sindicatos.

O presidente de Unión Fenosa afirmou que a enerxía nuclear "podería ser a catalizadora dun novo salto tecnolóxico" a nivel estatal, e recordou que as primeiras centrais deron "un impulso importante" a industrias como a aeronáutica ou as auxiliares da automoción. Así mesmo, puxo o exemplo de Francia, que utiliza este tipo de centrais para crear plantas desaladoras.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: