Máis dun millón de persoas xa se sumaron á campaña para bater o récord Guinness de descargas en 24 horas.
A Fundación Mozilla xa fixo pública a data de lanzamento do Firefox 3: o 17 de xuño. O vindeiro martes aspira a bater a marca mundial Guinness de descargas dun programa en 24 horas. A web da campaña, onde os usuarios de todo o mundo poden amosar a súa disposición a instalaren o software, xa superou o millón de apoios.
O Download Day contará co maior número de descargas, previsibelmente, dende os EUA, onde xa hai unhas 180.000 inscricións. Se anteriormente o segundo e o terceiro postos os ocupaban, respectivamente, Xapón e España, agora son Polonia e Brasil os países que comparten o podio de 'descargadores' cos Estados Unidos, a algunha distancia de Francia, que é cuarta.