A fundación fai un chamamento aos usuarios a conseguir que o navegador sexa o programa máis descargado en 24 horas.
Banner da campaña
A Fundación Mozilla pretende celebrar o lanzamento do Firefox 3 por todo o alto, así que, desta volta, ten a intención de bater unha marca Guinness: conseguir que o navegador libre máis popular sexa o programa con máis descargas en 24 horas da historia. Para iso convocou o Download Day 2008, unha iniciativa para a que xa se están a recibir apoios.
Curiosamente, despois dos Estados Unidos e do Xapón, o Estado Español é o territorio con máis persoas dispostas a apoiar a campaña, xa sexa comprometéndose a descargar o software, organizando festas ou poñendo anuncios nos seus blogs. Mozilla pon exemplos de récords absurdos, así que, por que non vai ser posíbel cumprilo?
Porén, de momento non hai data fixa para o lanzamento do programa. Só se sabe que será no mes de xuño. E, probabelmente, xa estea dispoñíbel tamén en galego ese mesmo día.