'Few Days Later', 'Baldosa Amarilla', 'Gurumamut' e 'Franc3s' abrirán un concerto que pechará Sunday Drivers.
A Sala Capitol de Compostela será o escenario da batalla galega das bandas; unha noite, un concerto para elixir o gañador do I Concurso Galego de Maquetas, que se abriu a comezos de ano. Entre os 281 grupos inscritos, o público escolleu doce semifinalistas, que competiron en catro concertos (celebrados en Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra). Few Days Later, Baldosa Amarilla, Gurumamut e Franc3s gañaron as semifinais, e agora enfrontaranse nun concerto final, no que exercerán de teloneiros dos toledanos Sunday Drivers.
Cada unha das bandas presenta estilos moi distintos, dende o rock escuro de Franc3s, o funky de Gurumamut, o pop de Baldosa Amarilla, até o punk de Few Days Later.
Cada grupo interpretará dous temas, que serán valorados polo xurado, formado por Julián Hernández, Noel Feáns, Nonito Pereira e un representante de Falcatruada. O gañador terá a oportunidade de gravar un disco con este selo discográfico.