Os máis votados actuarán en directo en catro semifinais, e o vencedor decidirase en xuño cun concerto final en Compostela.
O esquema lembra ao certame Nsaio no Camiño que a Dirección Xeral de Xuventude organizou o pasado ano e que lles permitiu aos gañadores, os boirenses Supersandwich, gravar un álbum. O 1º Concurso Galego de Maquetas escollerá doce semifinalistas até o 16 de marzo, a través dos votos recollidos na web, Estes grupos actuarán en catro concertos (un por provincia), onde tocarán con bandas xa asentadas e nas que o xurado, formado por Julián Hernández, Nonito Pereira (Mondosonoro) e Noel Feáns (responsábel de A Regueifa Plataforma e de Sono-Tone), escollerá aos catro finalistas.
O gañador elixirase nun concerto final, que terá lugar en xuño en Compostela, e terá a posibilidade de gravar un álbum. O certame, organizado por 100 Pipper's, presentouse oficialmente esta semana en Vigo, nun acto que contou coa actuación acústica de Triángulo de Amor Bizarro. Porén, dende hai máis dun mes estanse recibindo maquetas, e xa hai corenta grupos inscritos, entre eles Diskordia, Alvaro muras, Novedades Carminha, Ian, Franc3s ou Negra Sombra.
Na edición de Nsaio do pasado ano, ademais de Supersandwich tamén se elixiron cinco gañadores máis por xénero: Pito de Pikasso (rock), Capitán Furilo (pop), Colectivo Oruga (novas tendencias), Coanhadeira (folk) e Solemne (hip-hop).