Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FRANC3S, BANDA DE SHOEGAZE

"En Carballo seguimos sendo 'bichos raros', pero agora respectados"

Semifinalistas do Proyecto Demo de Radio 3, finalistas do Concurso de Maquetas 100 Pipers, abriron o Festival do Norte esta fin de semana.

Marcos S. Pérez - 09:00 19/05/2008
Tags: franc3s

Franc3s fan música escura, pesada, densa, que ten o ruído como materia prima. Ruído modelado, construído, estruturado e perturbado que serve de músculo a letras surrealistas e sanguíneas que falan de miúdos, de órganos internos ou de putrefacción. Beleza escura. Influenciados por The Cramps, Joy Division, Suicide ou o lado máis escuro da movida madrileña, basean a súa posta en escena nunha batería, unha guitarra e uns teclados, deixando o baixo de lado.

Publicaron xa dúas maquetas e no verán chegará unha terceira; cancións coas que levan meses peregrinando por ducias de concursos de maquetas de todo o Estado. O pasado ano chegaron os primeiros éxitos, no concurso de maquetas do festival Contempopránea, e neste a consagración na escena maqueteira estatal, chegando ás semifinais do Proyecto Demo e, máis recentemente, á final do Concurso Galego de Maquetas 100 Pipers, cuxa final terá lugar en Compostela o 12 de xuño.

Son de Carballo e Vilalba e asumen o reto de "ante todo, ser absolutamente modernos", algo non sempre entendido por todo o mundo, "miráronnos sempre como bichos raros" -comentan- "agora seguimos sendo bichos raros, pero respectados". Son raros por varios motivos, comezando por ser unha banda de rock cunha maioría de integrantes femininas, algo que aínda non chegou a ser habitual na nosa música. "Non foi buscado", deixan claro, aínda que recoñecen que é algo que lles favorece, sendo un sinal de identidade do grupo, entre o machismo imperante.

Son raros tamén polo seu bizarrismo, tanto na súa vestimenta, as súas letras ou a forma simple e antitecnolóxica de entender a música. "Galicia é moi bizarra", afirman, "e se non o é máis é por un complexo de inferioridade". Esa Galiza Bizarra protagonizará o festival Sereas e Piratas, que terá lugar na praia de Razo, en Carballo, este verán. En xullo subirán ao escenario Franc3s, Justicieros, Jiménez Los Santos ou Novidades Carminha.

Como un caracol entre lobos. Franc3s


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: