Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A planta de menor uso no Estado

Reganosa cumpre un ano con frouxa demanda no mercado galego e español

Alén da súa perigosa localización, a regasificadora ofrece agora números que avalan a tese dos que advertían de que era un proxecto innecesario.

Redacción - 13:00 27/05/2008

"A planta de gas da ría de Ferrol foi a de menor uso de todas as plantas no conxunto do Estado". Sublíñano desde F-CAPE, o colectivo universitario que se opón á planta, integrado no Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol.

Segundo a análise que presentan, baseada nun informe recente de ENAGAS, Galiza consumiu en abril arredor de 893 GW/hora, apenas o 2% do total estatal de gas. "É moi significativo que tendo traballado ao 47% da súa capacidade, Reganosa xa teña que exportar fóra de Galiza a metade dese gas regasificado, despois de subministrarlle gas natural ao conxunto dos consumidores galegos", indican. Dese xeito, Reganosa inxectou na rede estatal 1.670 GW/h dun total de 27.594, é dicir, apenas o 6% do total estatal. Así, e comparada co resto de plantas, vese que a regasificadora galega é "a de menor produción" no Estado.

Desde o Comité insiren estes datos no contexto da priorización estabelecida para o consumo do gas que chega de Alxeria, "xa que de non consumilo habería que pagalo igual". Recordan ademais que a crecente demanda dos países do leste fai subir o prezo do gas natural licuado e os buques desvíanse cara a outros clientes "dispostos a pagar máis". Por riba, a entrada en funcionamento do gasoducto Omán-Almería porá no mercado un produto moito máis barato que o das regasificadoras.

Nese contexto, avisan de que hai "clara evidencia" de que a planta de Reganosa "non era necesaria". De feito, opinan desde F-CAPE que tampouco ven a necesidade de construír outra planta regasificadora en Xixón, tal e como está proxectado.


4,74/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: