En defensa "da vida e da ría", o peirao ferrolán será escenario dunha nova mobilización desde as 19h30 deste venres. Mentres, o delegado do goberno español, Manuel Ameijeiras avisa de que se forzará a entrada do buque.
Desde o Comité Cidadán de Emerxencia, Carmelo Teixeiro retrúcalle a Ameijeiras que no seu momento haberá de apandar "coas responsabilidades legais e penais que lle correspondan". O voceiro do colectivo láiase de que desde as administracións sigan facendo "oídos xordos" ás denuncias dos veciños e traballadores da ría ferrolá, e acusan á empresa de quere "ameazar".
"É unha irresponsabilidade", subliña Teixeiro, recordándolle ao goberno galego e español que Reganosa non pode ter todos os permisos en regra, tal e como defenden os executivos, "porque nin sequera remataron as obras". Ao fío lembran as dúas sentenzas favorábeis ás reclamacións dos veciños, "anulando a falsa tramitación ambiental" da planta de Reganosa.
Desde o Comité Cidadán apuntan ademais que a Autoridade Portuaria ten desde hai tempo un escrito coas advertencias do colectivo. Recórdanlle ademais que, ao contrario do que aseguraban desde a administración, na ría de Ferrol nunca antes de agora entrara gaseiro cheo ningún, xa que os que o fixeron foron en realidade buques de gas baleiros con destino a algunha reparación nos estaleiros.
Tamén teñen resposta para Alberte Núñez Feijoo, presidente do PPdeG, quen este martes lle solicitou á Xunta que "garanta de forma inmediata o acceso do buque Galicia Spirit". Feijoo cualificara de "conflito gravísimo e sen precedentes" a acción dos mariscadores da ría en bloqueo do barco gaseiro. Desde o Comité, acusan a Feijoo de "pertinaz defensor da trama de intereses e irregularidades" creada durante o goberno de Manuel Fraga. "Núñez Feijoo é un voceiro desta trama", subliña Teixeiro.
Ao goberno actual, o Comité solicítalle que "non se sinta presa" dun proxecto errado que se herda do executivo anterior. Lembran que o futuro da planta estaría garantido nos predios do porto exterior ferrolán, e non na ubicación onde se constrúe na actualidade, "poñendo en risco os cidadáns e a ría".