O bloqueo das embarcacións dos mariscadores volveu impedir o acceso do gaseiro á planta de Reganosa.
O Galicia Spirit tivo recuar por segunda vez este luns despois de que os prácticos recomendasen por radio que abortase a operación, reiniciada ás sete da tarde. O bloqueo da ría por parte das embarcacións dos mariscadores non permitían garantir as condicións de seguridade necesarias para que o buque chegase á planta de Reganosa. Mentres, en terra, máis de trescentas persoas permanecían concentradas para apoiar a acción dos mariñeiros ferroláns.
Previamente a Garda Civil transmitíralle á Capitanía Marítima a orde de que os mariscadores se retirasen se non querían incorrer en delito. Pola tarde, o presidente da Xunta avisara de que o Estado de dereito debía permitir a operatividade de Reganosa, xa fose mediante o diálogo ou con outros mecanismos.
Con estas palabras, Touriño insinuou o posíbel uso da forza para evitar que os mariscadores da ría de Ferrol e a xente convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia impidisen a chegada do gaseiro Galicia Spirit até a planta regasificadora de Mugardos.
Agora, o barco vólvese retirar á ría de Ares á espera de facer unha nova tentativa de entrada na vindeira preamar, prevista para as oito menos dez da mañá.