A Axencia Bolivariana de Noticias entrevista a Iván Márquez, integrante do Secretariado da guerrilla.
Iván Márquez
Nunha entrevista concedida á Axencia Bolivariana de Noticias, o integrante do Secretariado das FARC Iván Márquez analiza a situación de conflito que se está a vivir en Colombia, e como afectou na guerrilla o asasinato o pasado mes de marzo dos comandantes Iván Ríos e Raúl Reyes -ao que considera "chanzo en dirección cara á paz con xustiza social".
Márquez considera que "con perfidia Uribe (o presidente de Colombia, Álvaro Uribe) aproveitou a circunstancia (que Reyes fose peza clave no proceso de paz) para planificar co concurso dos Estados Unidos e de Israel a emboscada criminal".
Reyes era ademais, segundo afirma Márquez, "o designado polo Secretariado das FARC para falar coa delegación do goberno francés (para a liberación de prisioneiros", polo que considera que non hai garantías para que unha misión médica poida asistir a prisioneiros de guerra na profundidade da selva.
O goberno de Colombia, di Márquez, "mata mentres sorrí". "Asasina os nosos voceiros e logo di que está disposto a conversar. (...) Extradita guerrilleiros a Estados Unidos e logo exixe que os tres gringos prisioneiros polas FARC, deben ser liberados".
"Uribe minte"
Respecto de Uribe, afirma que "a mentira é a punta de lanza da súa noxenta diplomacia. De aí o seu total illamento no concerto das nacións latinoamericanas". "Mentiu cando falou de persecución en quente. Mentiu e segue a mentir cando di que a guerrilla dispara dende Ecuador. Minte cando di que as FARC reciben armas e dólares de Venezuela", engade.
"Minte cando di que a firma do Tratado de Libre Comercio (TLC) será a redención social de Colombia, cando en realidade é grillón da escravitude moderna. Non se lle pode crer a un goberno mentireiro e terrorista cando cualifica de terrorista a loita dos débiles", apunta o guerrilleiro das FARC.