Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
SÓ UN INTERCAMBIO HUMANITARIO LIBERARÍA A EX CANDIDATA

As Farc consideran fóra de lugar a exixencia de liberación de Ingrid Betancourt

Rodrigo Granda, un dos responsábeis das Farc de Relacións Exteriores, cualificou onte xoves de "inadmisíbel" a solicitude de liberación da ex candidata presidencial colombo-francesa Ingrid Betancourt, como novo xesto unilateral que o Goberno colombiano condiciona para liberar guerrilleiros e iniciar un eventual troco humanitario.
"Non é admisíbel que nos pidan máis xestos de paz, cando despois de tantas mostras da nosa vontade política por atopar saídas ao conflito, responden con infamias", declarou Granda nunha carta escrita xunto ao comandante guerrilleiro Jesús Santrich publicada pola Agencia de Noticias Nueva Colombia (Anncol).

Xurxo Martínez Crespo - 10:32 04/04/2008

Titulado Raúl Reyes, el camino de la vida a pesar de la muerte, o texto alude á recente oferta do Goberno do presidente Álvaro Uribe, que condicionou a excarceración de guerrilleiros e un eventual troco humanitario a unha nova liberación unilateral por parte das Farc, de Ingrid Betancourt.

No texto, Santrich e Granda advirten que "só como consecuencia dun troco de prisioneiros sairán libres os quen están cativos nos nosos campamentos", di a nota en momentos en que Francia e Colombia adiantan unha misión médica para atender á refén franco-colombiana, malia a negativa das FARC.


Pola liberación de guerrilleiros

Rodrigo Granda afirma que a guerrilla seguirá "máis que nunca" a liberación de guerrilleiros prisioneiros en cárceres colombianos e estadounidenses. "Quen claman pola liberdade dos que están nos nosos campamentos, con algunhas excepcións que se poden contar cos dedos das mans, xamais levantan a voz pola liberdade dos nosos", di a nota.

"Moitos piden liberación dos 'secuestrados' pero moitos tamén esquecen que os nosos, os fillos dos pobres que loitaron como combatentes do Exército do Pobo na procura da xustiza social, están en peores condicións que os prisioneiros que están en mans das FARC", escribiu Granda.

"E valla dicir que ningún deles está en peores condicións que Simón Trinidad ou Sonia", extraditados a Estados Unidos.

Vítimas da guerra

Granda e Santrich aluden ademais a "os dirixentes políticos e lideres populares que foron apresados sen ser guerrilleiros no desenvolvemeento desa cacería de bruxas que sostén o Goberno para esmagar a resistencia popular", din en referencia aos asasinatos de sindicalistas e aos asasinatos extraxudiciais de campesiños por parte de militares do Exército colombiano, para despois facelos pasar por guerrilleiros.

"Con falsas acusacións foron condenadas ou polo menos apresadas esas persoas que tamén son civís e foron involucradas no conflito", engaden.

"Non veñan daquela con eufemismos hipócritas sobre todo de parte de quen desde a súa posición de 'sociedade civil' azuzan a guerra cunha culpabilidade e morbo superiores ao de calquera soldado", sinalan.

O "ordenador indestrutíbel" de Raúl Reyes

No documento afirman que Bogotá "seguramente se apresta a aumentar" a guerra "xustificándose en cada nova mentira que xurda da invención do 'ordenador indestrutíbel' de Raúl Reyes", aseguran en alusión ás supostas informacións que Bogotá dixo extraer do ordenador do número dous das FARC, asasinado no ataque do pasado primeiro de marzo en territorio ecuatoriano, nas que vinculan a Venezuela e a Ecuador coa guerrilla.

A nota de Granda dáse a coñecer en momentos en que un avión cos membros dunha misión médica francesa atópase en Colombia para atender supostamente á colombo-francesa Ingrid Betancourt, en poder das Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) desde 2002.

Pero a Agencia de Noticias Nueva Colombia (Anncol), con sede en Estocolmo e que con frecuencia publica materiais sobre o grupo guerrilleiro, advertiu este xoves que dificilmente a misión médica logrará o seu obxectivo pois destacou que actualmente todas as canles de comunicación coa guerrilla están rotas, tras a morte do número dous do grupo rebelde, Raúl Reyes, única canle para as negociacións sobre Ingrid Betancourt.

O pasado 19 de marzo, Rodrigo Granda asegurou nun texto, tamén publicado pola Agencia Bolivariana de Prensa (Abp), que antes de ser asasinado, Reyes estaba preparando un encontro con delegados franceses, quen facilitarían unha reunión co presidente Nicolás Sarkozy, para lograr a liberdade de Ingrid Betancourt.


Ligazóns

5/5 (2 votos)