Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
AS FARC NEGAN A ATENCIÓN MÉDICA FRANCESA A INGRID BETANCOURT

Para as Farc o avión médico francés non é procedente

A organización guerrilleira Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) anunciou onte martes que a misión médica francesa que está en Colombia desde hai unha semana "non é procedente" porque, aseguran, a iniciativa "non é resultado da concertación".

Xurxo Martínez Crespo - 12:20 09/04/2008

"Polas mesmas razóns expostas ao CICR o 17 de xaneiro, a misión médica francesa non é procedente e moito menos cando non é resultado da concertación, senón da mala fe de Uribe ante o goberno francés, e unha burla desalmada ás expectativas dos familiares dos prisioneiros", sinala un comunicado difundido polo secretariado das FARC.
Tras destacar que non actúan "baixo chantaxes nin baixo o impulso de campañas mediáticas", o grupo guerrilleiro aclarou que as liberacións unilaterais que até agora realizaron foron "ante todo un xesto de xenerosidade e vontade política das FARC, non de debilidade ou resultado dunha presión, como equivocadamente o asume o goberno do señor Uribe".

"Tales liberacións obedeceron a unha decisión soberana da insurxencia das FARC estimulada polo persistente labor humanitario do presidente Hugo Chávez e a senadora Piedad Córdoba", destacan en alusión ás liberacións, en xaneiro e febreiro pasado, da fórmula á vicepresidencia de Ingrid Betancourt, Clara Rojas, e á ex deputada Consuelo González de Perdomo, así como as dos deputados Gloria Polanco, Luís Eladio Pérez, Orlando Beltrán e Jorge Eduardo Géchem.

Ademais, as FARC afirman que "non estamos reclamando a ninguén o status de refuxiado, utilizado como nome camuflado do desterro e da institucionalización do delito de opinión", en clara alusión á proposta do Goberno do presidente francés, Nicolás Sarkozy, de recibir a aqueles guerrilleiros que eventualmente sexan excarcerados.

No texto, din estar á espera "do decreto presidencial ordenando o despexe militar de Pradera e Florida (no departamento do Cauca) para concretar alí, coa garantía da presenza guerrilleira, o acordo de troco humanitario."

"Se a comezos de ano o presidente Uribe despexase Pradera e Florida por 45 días, tanto Ingrid Betancourt, como os militares e os guerrilleiros presos xa recobrarían a súa liberdade, e sería a vitoria de todos", destaca o documento de catro puntos.

Así mesmo, as FARC reiteraron que o asasinato do seu voceiro, Raúl Reyes, "feriu de morte a esperanza de intercambio humanitario e de paz" e lamentaron que "mentres propiciabamos feitos palpábeis en dirección ao troco de prisioneiros, o presidente Uribe planificaba e executaba o asasinato do comandante Raúl Reyes".

"Quen ordena aos seus xenerais o resgate militar a sangue e fogo, non quere o troco", fustiga o comunicado no que rexeitan a política de recompensas promovida polo Goberno colombiano.

"Quen ofrece millóns de dólares instando á deserción con prisioneiros, non está polo intercambio", di o texto logo que Bogotá pagase millonarias recompensas a un suposto informante que facilitou a operación bélica en territorio ecuatoriano na que morreu Reyes, así como a Pablo Montoya, alcumado "Rojas", o sicario que matou ao membro do secretariado das FARC, Iván Ríos.


5/5 (1 votos)