'O neno de barro' e 'Concursante' suman o meirande número de candidaturas nunha cerimonia que homenaxeará a Ernesto Chao.
Canda a O neno de barro, de Jorge Algora, con 16 nominacións e Concursante, de Rodrigo Cortés, con 8, outros dous filmes compiten por ser a mellor película de produción galega do pasado ano: Hotel Tívoli (que conta con catro candidaturas) e Unha muller invisible (dúas). De seguro que algún destes filmes converterase en protagonista este martes no Teatro Jofre, pero a noite ten xa un nome propio: o do actor Ernesto Chao, que recibirá unha merecida homenaxa da Academia Galega do Audiovisual pola súa traxectoria. Chao recollerá o Premio de Honra Fernando Rey a toda a súa carreira.
A gala, que comezará ás dez da noite, terá a Antonio Durán Morris e Manuel Manquiña como condutores, ao igual que o pasado ano, nun espectáculo que segundo a Academia Galega do Audiovisual promete ser "áxil, ameno e moi, moi entretido", grazas ao traballo Xosé Castro e Andrés Mahía, guionistas e directores, e da participación de Pedro Alonso, María Vázquez, Xosé Barato, Camila Bossa, Alfonso Hermida, Teté Delgado, Alejandro Macías e Mayka Braña. Será retransmitida en diferido pola Galega a partir das once e media da noite.
Ferrol inicia, coa organización dos Mestre Mateo, unha semana acugulada de cultura, na que de mércores a sábado destaca a celebración da I Semana de Poesía Salvaxe.
As restantes categorías
Nas restantes categorías, Donkey Xote, Nocturna e Gritos en el pasillo compiten polo premio á mellor longametraxe de animación; mantres que o galardón á mellor curta de animación disputarase entre O bufón e a infanta, Don señor e o home do soño, A flor máis grande do mundo, e Man. E o galardón ao mellor documental estará entre Os 15000 de Newark, Dando a nota, Historia dunha parroquia, Isaac, e Tolos por Xapón.
En canto ás categorías de televisión, Alalá, Criaturas, Hai que mollarse e Historias de Galicia pelaxarán polo premio ao mellor programa. Air Galicia, E por que?, Linatakalam e A vida por diante competirán polo premio á mellor serie, acumulando esta última produción un total de 12 candidaturas.
Podes ler aquí a lista completa dos nominados.