Sobre esta lista, a Academia do Audiovisual realizará unha peneira para decidir os nominados aos premios.
Non son os nominados, pero entre os nomes que a Academia do Audiovisual deu a coñecer este mércores estarán os gañadores da edición 2007 dos Premios Mestre Mateo. Sobre esta primeira lista de inscritos, a Academia deberá facer unha peneira para decidir os títulos e os nomes que optarán definitivamente aos premios do audiovisual galego. Até o venres 18 queda aberto o prazo de alegacións para os académicos, de xeito que se podería incorporar algún título novo ou podería ser retirado algún.
O xurado deberá escoller entre sete longametraxes: O Concursante, Donkey Xote, Gritos en el pasillo, Hotel Tívoli, Unha muller invisible, O neno de barro e Nocturna. En cambio, a lista de documentais inscritos é moito meirande, e supera os vinte títulos, entre os que destacan Os 15000 de Newark, Cultura de paz, Un deserto de flores, Encrucillada, Fronteiras, A guerra dos avós, Historia dunha parroquia, Unha historia galega (retratos da represión en Galicia en 1936), Isaac, Linguas cruzadas, LT22 Radio La Colifata, Un mar de velas, Manfred O alemán de Camelle, O novo emden, Os pasos sobre a terra e Patagonia unha utopía libertaria.
O potencial da animación galega é moi importante, o que fai que o premio á mellor curta de ficción adquira unha gran relevancia. O gañador estará entre unha ducia de títulos, entre eles O bufón e a infancia, La casa Okupa, O crilo, Don señor e o home do soño, A flor máis grande do mundo, Leo, Man, Marxen e Mosqueate.
Televisión e publicidade
Os Mestre Mateo tamén entregan premios a produtos emitidos en televisión, series e programas. Entre as series, cinco inscritas: Criaturas, Air Galicia, E por que?, Linatakalam e Valderrei. E entre os programas destacan A casa de 1907, Alalá, Doa a doa, Faladoiro, Galicia, cruce de miradas, O gran camiño, Hai que mollarse, Historias de Galicia e Arredemo.
Tamén se escollerá o mellor comunicador en televisión, entre os seguintes candidatos: Ana Rodríguez (Hai debate), Xosé Barato (Historias de Galicia), Mayte Cabezas (A Revista Fin de semana), María Castro (Arredemo), Susana López Carbia (Faladoiro), Felipe Senén, Antón Reixa e Antón Reixa (Cruce de Miradas) e Carlos Blanco (O gran camiño).
Finalmente, elixirase a mellor creación publicitaria do ano, entre unha ampla lista de traballos; entre eles, as campañas de Caixanova, Estrella Galicia, As cores da rúa (Comercio Galego), En galego tes todo por dicir (Política Lingüística), Sidra el Gaitero e Vivamos como Galegos (Gadis).