Entre o 16 e o 19 de abril haberá versos nos mercados, nas capelas, nos museos e nas prazas, da man de Carlos Oroza, María Lado, Lucía Aldao ou Camilo Franco.
Será un golpe de estado non violento, sempre que ninguén opoña resistencia. A poesía tomara as rúas de Ferrol durante catro días, empregando a voz e palabra, e deixando os libros na casa, unha semana de axitación poética, na que os artistas percorrerán as rectilíneas rúas de Ferrol, megáfono en man, elevando a voz da poesía "sobre o ruído do cotián", e "reivindicando a forza da oralidade" sobre o texto inmutábel e domesticado.
No programa destaca a xornada do venres, na que Carlos Oroza fará a presentación mundial do seu novo espectáculo polético: Donde la noche da la mano al día. Oroza, nacido en Viveiro en 1931, cofundou a Revista Tropos e foi integrante do movemento beat. Publicou os libros Eléncar (1974), Cabalum (1980), Alicia (1985), Una porción de tierra gris del norte (1996), En el norte hay un mar que es más alto que el cielo (1997) e La llama prestada (1998).
Os outros poetas que recitarán os seus textos na rúa, en museos, nas prazas, nas bibliotecas ou na capela (si, capela) da Fundación Torrente Ballester, serán María Lado e Lucía Aldao, Camilo Franco acompañado de Magín Blanco, David González, Estevo Creus ou O Leo. A semana rematará cunha jam session, o sábado á noite, na que participarán todos os poetas. Ademais, todas as actuacións serán gravadas en vídeo, co que se comporá posteriormente un documental.
Programa d'A Palabra Encarnada
Mércores 16
18.30. Guillermo Ferrández & Karlotty (Quiosco do Cantón)
23.00. María Lado e Lucía Aldao (Pub Cazadores)
Xoves 17
12.30. Víctor Díez (Rúa Real e Praza de Amboaxe)
21.00. David González (Capela do Centro Torrente Ballester)
22.00. Camilo Franco e Magín Blanco (Capela do Centro Torrente Ballester)
Venres 18
12.30. O Leo (Mercado da Praza de España)
21.00. Carlos Oroza; Presentación mundial do seu novo espectáculo polético: Donde la noche da la mano al día (Biblioteca Central de Ferrol)
Sábado 19
12.30. Estevo Creus (Mercado da Magdalena)
19.00. Jam Session poética, conducida por Manuel Cortés (Capela do Centro Torrente Ballester)