 
 
Máis de 3.000 gandeiros -o dobre que na última protesta- concentráronse fronte a fábrica de Lagasa (Celta), en Campolongo, Pontedeume.
 
											Os manifestantes chegaron deica o valo da fábrica
Máis de 3.000 gandeiros -o dobre que na última protesta- concentráronse esta quinta feira fronte a fábrica de Lagasa, do Grupo Lactogal (Celta), en Campolongo, Pontedeume, para protestar pola baixada de prezos que lle aplica a industria aos primeiros produtores. 
  Dende as 12.00 horas, convocados polos tres principais sindicatos agrarios do país, Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA), os gandeiros permaneceron no lugar entre fortes medidas de seguridade. Ademais, un helicóptero sobrevoaba a zona. 
Ao finalizar a concentración, contra as 13.00 horas, e tras a intervención dos representantes sindicais, algúns dos gandeiros forzaron o valo das instalacións e entraron no almacén onde romperon varios palés de leite. Os axentes, da Garda Civil, non interviñeron e, pasadas as 13.30 horas, a manifestación disolveuse.   
  
"Usura" das multinacionais 
Marcos Louzao, responsábel do SLG, quixo salientar a masiva asistencia de gandeiros á protesta, chegados á fábrica de Lagasa en arredor dunha vintena de autocares e en coches particular, máis tendo en conta que "xa estamos en época de traballo".   
Louzao criticou a "usura" das multinacionais e das industrias transformadoras, que son as "culpábeis" neste conflito e "quen deberían dar a cara". Por iso, exíxenlle á Administración que lles obrigue a ofrecer maior transparencia sobre os seu beneficios, "a mesma que lle piden aos gandeiros". 
Esta quinta feira coñecíanse os novos datos do IPC. O leite baixou un 1%. Porén aos gandeiros rebáixanlles o prezo seis céntimos, é dicir, entre un 10% e un 15%, que ten carácter retroactivo.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto