Nun mitin en Arzúa, o voceiro nacional do BNG asegurou que só unha presenza forte en Madrid garantirá que se lle preste atención ao sector lácteo.
Anxo Quintana, nun mitin este luns en Lugo
O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, acusou este martes o PP e o PSOE de beneficiar o sector do aceite fronte ao lácteo cando estiveron á fronte do goberno español por motivos electorais, pois Andalucía elixe máis deputados ca Galiza "e porque dan por feito que os votos no país os teñen asegurados", dixo Quintana nun mitin en Arzúa.
Anxo Quintana reprochoulle ao Estado Español que poña as laranxas, o aceite ou as bananas por diante dos intereses dos produtores galegos á hora de negociar perante a Unión Europea. Por iso, garantiu que se o BNG acada unha presenza "decisiva" nas Cortes, esixirá que o sector lácteo "conte", e que se manteña o actual sistema de cotas, coa posibilidade de aumentalas aos estados con capacidade para producir máis do que consomen.
Quintana avogou por "unha repartición asimétrica, que non nos enganen con chorradas", referíndose á proposta da Unión Europea de aumentar lixeiramente a produción por igual en todos os estados até a desaparición das cotas, en 2015. O portavoz nacional do BNG estivo acompañado polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, que puxo en valor o seu labor e lamentou a falta de apoio do Ministerio de Agricultura, dirixido pola candidata do PSOE por Ourense, Elena Espinosa.