O voceiro nacional do partido pediu aos galegos que "pensen no que poden facer polo seu país" á hora de acudir ás urnas.
Dende Allariz e diante dun milleiro de simpatizantes, Anxo Quintana arengou aos galegos para que "pensen no que poden facer polo seu país", cando acudan a votar o vindeiro 9 de marzo, e o mellor para o país pasa por colocar a un BNG "forte en Madrid", segundo afirmou. Na súa vila natal, o voceiro nacionalista apelou ao "heroísmo" dos votantes do seu partido nunhas eleccións protagonizadas polo PP e o PSOE.
Quintana tamén botou man das consignas do Partido Galeguista histórico e describiu ao BNG como sucesor e única forza "que quere colocar a Galiza por diante", solicitando o voto da sociedade galega para que o noso país "sexa decisivo" nas Cortes a través do Bloque Nacionalista, ao que definiu como unha formación "profundamente progresista" que busca acabar cos "séculos de marxinación" que padeceu o noso país.
"Socialistas e populares: máis do mesmo"
A intervención de Quintana deu paso á do cabeza de lista por Ourense. Iago Tabarés criticou a socialistas e populares afirmando que "tras anos de crispación só ofertan máis do mesmo", segundo demostraron ao seu xuízo os dirixentes dos partidos, Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy, no debate televisivo da pasada semana. Segundo Tabarés "ningunha proposta e nada de Galiza, tan só cando debateu Quintana se falou de futuro e de país".