Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O home, lobo para ... o lobo? (II)

Medio Ambiente destina o 0,07% do seu presuposto a paliar os danos do lobo

Os gandeiros consideran que as axudas son "insuficientes", afirman que a "axilidade nos pagos é mesmo máis importante cá contía" e critican a burocratización da Administración.

Fernando Arrizado - 09:00 23/01/2008
Para recibir unha axuda cómpre que os técnicos certifiquen que o ataque foi producido por un lobo

Para recibir unha axuda cómpre que os técnicos certifiquen que o ataque foi producido por un lobo

Na Península Ibérica hai perto de 2.000 lobos. Máis do 30% viven en Galiza distribuídos en 25.000 quilómetros cadrados, é dicir, no 84,5% do seu territorio administrativo. Un outro 10% viven en Portugal (ao redor de 150 exemplares), sobre todo ao norte, mais transitan entre os dous estados veciños.

É evidente que lobo e home conviven. Non lles queda outra. A clave é que esa convivencia sexa positiva para todos: que a poboación de lobos cando menos non diminúa, e que a xa de por si cada vez máis deteriorada vida dos gandeiros non se vexa prexudicada no económico polos ataques ás súas reses.

O pasado 14 de xaneiro, o DOG publicaba a orde de axudas para paliar os danos producidos polo lobo dende o 1 de outubro de 2007 deica o 30 de novembro de 2008. A partida orzamentaria inicial presentada pola Consellaría de Medio Ambiente é de 60.000 euros -ao redor de dez millóns de pesetas-, unha cifra bastante pequena se temos en conta que está en xogo unha das especies máis senlleiras da nosa terra.

Ben é certo que dende 2003, o primeiro ano en que a Xunta ofertou as axudas, "houbo un incremento do 10% anual", tal e como apunta o subdirector de Caza e Pesca da consellaría, Emilio Rosa. Mais non é menos certo que dez millóns de pesetas -60.000 euros- non é un investimento demasiado elevado, tendo en conta -e a risco de caer na demagoxia- os cartos que por exemplo vai custar a Cidade da Cultura.

A percepción negativa que do lobo ten o gandeiro está arraigada moitos anos atrás. E unha política cativa en subvencións non vai axudar en absoluto a mudar esta imaxe. Así o pensan tanto os sindicatos agrarios coma os grupos ecoloxistas do país consultados.

A axilidade nos pagos, mesmo máis importante cá contía"

Xavier Iglesias, secretario de Acción Sindical de Unións Agrarias, afirma que "o custe xerado polos lobos non é excesivo nin para unha Administración nin para unha sociedade". Un problema en parte creado, segundo recoñece, pola prohibición de deixar animais mortos no monte dende que se estendeu a enfermidade das 'vacas tolas' (a encefalopatía esponxiforme bovina).

Rosario Sánchez Parga, responsábel de Medio Ambiente do Sindicato Labrego (SLG) maniféstase nestes mesmos termos: "Nós non estamos en contra do lobo, ao contrario; mais a sensación que temos é que os gandeiros somos os que o temos que manter".

Iglesias vai máis alá e di que "o lobo é un problema 'necesario'; nós somos os primeiros ecoloxistas, e estamos a falar dunha especie que é patrimonio cultural e biolóxico do noso país". "Os gandeiros -continúa- consideramos que é un problema, mais con solución".

Logo, onde está a clave? Ningún dos dous o dúbida: maiores e máis áxiles axudas. A dirixente do SLG considera que "as subas anuais son irrisorias", e que "non se valoran os danos colaterais" tal como os abortos, o stress que provoca un ataque no rabaño, ou o tempo que a explotación para. Namentres, o dirixente de Unións di que son "insuficientes" e que deberían ser máis elevadas que o propio custe da res.

Ademais, Sánchez Parga critica que a orde de axudas deste ano penalice aos propietarios que son reincidentes, é dicir, a que a contía recibida diminúa se o gando sofre un ataque por segunda vez. "Máis aínda -di- se temos en conta que a subvención de medidas de prevención marxina as explotacións con, por exemplo, menos de dez vacas e menos de trinta ovellas e non ten en conta que poidan ser multifuncionais (que misturen ovina, vacún ou cabrúa)".

"E sempre está o criterio do técnico encargado de determinar se o ataque foi producido por un lobo ou por un can salvaxe", di Iglesias. Neste segundo caso, a Administración non se fai responsábel dos custos.

Prevención dos ataques

O DOG publicaba este 15 de xaneiro a orde de axudas para a prevención de ataques de lobo ás que fai referencia a responsábel do SLG, que contan cun orzamento de 100.000 euros para 2008.

A Consellaría de Medio Ambiente subvenciona a adquisición de cans mastíns a través dun convenio con OVICA (até un máximo de 150 euros; un exemplar por cada 10 vacas/cabalos ou 30 ovellas/cabras), pastores eléctricos (até un máximo de 100 euros e catro unidades), o emprego de curros (até 60 euros) e a instalación de detonadores de propano (até un máximo de 150 euros; unha unidade por cada 10 vacas/cabalos ou 30 ovellas/cabras).

Ademais, o plan de prevención non subvenciona "nin o transporte dos materiais, nin a man de obra para a instalación e mantemento dos pastores eléctricos, nin a adquisición de cables e postes", e o plan de axudas considera que "o sacrificio eutanásico se poderá equiparar á morte, non indemnizándose polo tanto a atención veterinaria".

Un último dato: a Xunta de Galicia conta cun presuposto de 11.557 millóns de euros para 2008. A Consellaría de Medio Ambiente xestiona 217,2 millóns -o 1,94%-, dos que destina 160.000 euros a paliar os efectos negativos da presenza do lobo no país. Exactamente o 0,07%.


Documentos

Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"O lobo é unha especie patrimonio cultural e biolóxico do noso país", din dende Unións Agrarias
"O lobo é unha especie patrimonio cultural e biolóxico do noso país", din dende Unións Agrarias
Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, e Araceli Pillado, presidenta de OVICA
Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, e Araceli Pillado, presidenta de OVICA
As noticias relacionadas cos ataques do lobo son moi frecuentes nos medios de comunicación / Foto: Naturaleza Dixital
As noticias relacionadas cos ataques do lobo son moi frecuentes nos medios de comunicación / Foto: Naturaleza Dixital
Paco Valeiras, presidente de Outeiro, cun mastín leonés
Paco Valeiras, presidente de Outeiro, cun mastín leonés