Até o de agora, o Plano de Xestión do lobo presentado pola Xunta, que segue mantendo o carácter de especie cinexética para este cánido, só conta co aval do "lobby" da escopeta. O movemento ecoloxista galego e destacados expertos/as da comunidade científica rexeitan este documento e exixen que, ao igual que ocorre en Asturias, Portugal e sur do Douro, o lobo sexa unha especie protexida.
Estando finalizado xa o período de exposición pública do denominado Plano de Xestión do Lobo en Galiza, as persoas e colectivos asinantes desexan facer algunhas consideracións en relación ao seu contido, co ánimo de contribuir á reformulación do citado documento.
- O pertinaz sostemento da idea da caza do lobo como alternativa integrabel na política de conservación da especie evidencia a inercia coa que se traballou na elaboración do plan de xestión. As directrices que ao respeito defendía o anterior governo acomodáronse sen esforzo á acción política do novo executivo, convertíndose nunha eiva que lastra o proprio documento. A obsolescencia e probabilidade de fracaso que arrastra o modelo do aproveitamento cinexético desvirtúa a imaxe pretendidamente progresista que se quere transmitir e invalida parcialmente o proprio plan ao ser inviábel técnicamente a sua aplicación.
- A cicatería coa que actuou a anterior Xunta en materia de acumulación de información sobre o lobo non pode respaldar a apresentación dun plan de xestión. A información dispoñíbel é fragmentaria no tempo e limitada na interpretación e dimensionamento dos factores que inciden na conservación do lobo. Aliás, é patente a superficialidade na descrición da realidade ecolóxica que rodea o mundo desta especie no noso país e que opera tensionando a sua relación coa povoación humana. O tratamento destes aspectos pon en cuestión a validez do conxunto do documento apresentado.
- Case 36 anos despois da apresentación da tese de doutoramento do veterinário Pedro Iglesia Hernandez "Los caballos en régimen de semilibertad o caballos salvajes de Galicia", onde se apontaba o "papel fundamental dos cabalos bravos galegos na ecoloxía do futuro" de Galiza, seguimos sen dar pasos no avance cara á integración efectiva destes animais no noso patrimonio natural, e aínda máis, percébese nalgunhas zonas un acusado descenso no número de exemplares, debido a que os proprietarios se están a desfacer das suas greas. Considerando a importancia que teñen estes animais na conservación do lobo, sorprende comprobar cómo nun documento da trascendencia do Plano de Xestión a aportación ao respeito sexa tan escasa, o cal reforza a afirmación efectuada no epígrafe anterior.
- Con unha experiencia diversa, contrastada e enfrontada através dos anos coa máis variada realidade rural na Península Ibérica, resulta frustrante dispoñer dun sistema compensatorio limitado á pecuaria menor ou á gandería guardada e vixilada. Semella perentorio establecer un sistema flexíbel que extensifique os beneficios que a compensación de danos representa para a conservación do lobo.
- Apesar da facilidade para apreciar a transversalidade con que a realidade da problemática do lobo impregna a acción de governo, o plano de xestión non contempla o establecimento de mecanismos que persigan dotar de coerencia as políticas de conservación da biodiversidade e de desenvolvimento do medio rural.
Por todo o anterior, cremos que resulta de obrigada consideración reformular ou re-elaborar o citado documento, de maneira que se contemple:
1. A invalidación de todos os aspectos do plan nos que se contempla o aproveitamento cinexético do lobo.
2. O reforzamento dos aspectos descritivos do plan, tanto no referido á dispoñibilidade de información demográfica actualizada e homoxénea no tempo, como ao manexo de datos detallados que permitan analisar e interpretar adecuadamente os aspectos ecolóxicos nos que se integra a existéncia do lobo en Galiza. Será en base a estes datos que se determinarán as medidas de control da especie.
3. En relación co anterior, abordar con carácter urxente a realización dun estudio descritivo detallado do estado actual da cabana equina que pasta libre nos montes do país, aprofundando nos aspectos demográficos, morfolóxicos, sanitarios, ecolóxicos e de propriedade, coa fin de posibilitar o ordenamento non traumático deste aproveitamento e a exploración das posibilidades e aplicacións que a raza galega de poni apresenta, alén dos aspectos estritamente económicos, tanto para a política de conservación do lobo como para a de prevención de incendios.
4. Coa fin de orientar e favorecer a correcta toma de decisións en materia de información e xestión, criar un comité asesor de expertos, que concite a aceptación maioritaria dos sectores implicados na conservación da espécie.
5. Establecer, de xeito transitorio, un sistema de compensacións flexíbel e múltiple, que pivote tanto sobre o pagamento de indemnizacións por danos, como sobre a implementación de subsidios condicionados para o desenvolvimento gandeiro ou a protección da gandería, mentres non se deseñe o modelo adecuado de gandería extensiva que se pretende para o país.
6. En relación co anterior, impulsar o establecimento de liñas transversais, tanto de coordenación como de actuación conxunta, coa Consellería de Medio Rural, coa fin de enfrontar de maneira coerente as políticas concretas que competen a cada consellería e que son necesarias para garantir o éxito da conservación na xestión do lobo.