Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reclamacións na xuntanza do voluntariado

Máis tarefas por facer logo do Prestige: plan de protocolo e estudo de consecuencias sanitarias

Alén de renderlle tributo aos milleiros de voluntarios que limparon fuel nas costas do país, o encontro desta fin de semana en Muxía serviu para recordar algúns traballos aínda por facer.

Redacción / EP - 10:30 09/12/2007

A elaboración dun plan de protocolo para previr situacións similares e a realización dun novo estudo sobre as consecuencias sanitarias nos voluntarios dos traballos de limpeza, son dous dos puntos a salientar das conclusións do foro de Muxía esta fin de semana.

"Consecuencias do Prestige" era o título da rolda de debate na que participaron Xavier Sar, patrón maior da Confraría de Pescadores de Muxía, Evaristo Lareo, secretario da Federación Galega de Confrarías, Eduardo Pásaro, membro da Unidade de Investigación en Toxicoloxía, Miguel Rodríguez, delegado da empresa de limpeza Tragsa na Coruña, e Alberte Sánchez, coordinador de voluntariado. Xavier Sar subliñou para Europa Press a importancia de "intentar levar a cabo un plan de protocolo" ante a posibilidade de que o accidente se repita no futuro, aínda que sinalou que actualmente existen "uns estudios a todos os niveis que antes non os había" e que permitirán "sacar conclusións".

Por outro lado, o profesor da Universidade de A Coruña e membro da Unidade de Investigación en Toxicoloxía, Eduardo Pásaro, recordou que os únicos estudios de efectos do fuel en persoas que participaron nos traballos de limpeza datan de xullo de 2003, polo que apuntou a necesidade de "repetilos novamente", e avanzou que xa "se están a recoller mostras". Pásaro advertiu da necesidade de separar os grupos de traballadores manuais daqueles que fixeron as tarefas con hidrolimpadoras, así como de facer unha distinción no tempo de exposición. Lembrou que nos informes iniciais se detectou un dano inicial no ADN dos que limparon fuel durante curtos períodos e danos máis severos nos que realizaron tarefas en tempos prolongados.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: