Veciños de Muxía amósanlle ao mundo o patrimonio natural da súa terra, ameazado polas piscifactorías.
A plataforma veciñal de Merexo acaba de poñer en marcha a súa páxina web, Merexononsevende.com. Con esta iniciativa, os veciños queren amosarlles aos internautas de todo o mundo a súa oposición ao Plan Galego de Acuicultura, que prevé expropiar 270.000 metros cadrados das terras da localidade de Muxía para a instalación de piscifactorías.
Na páxina amósanse documentos escritos e gráficos da historia de Merexo e da súa riqueza natural e, asemade, réndeselle homenaxe a Manuel Trillo Santiago, o poeta de Merexo, que xa contaba hai máis de medio século as belezas da zona.
A web está aberta a recibir comunicacións de todas as persoas que o desexen e a recibir apoios á súa oposición a un plan “contra o clamor dun pobo que berra por manter o seu patrimonio histórico e paisaxístico” para deixarllo en herdanza aos seus descendentes.