Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Plano Sectorial de acuicultura

Merexo (Muxía) presentará alegacións contra o Plano Acuícola

Segue a ristra de reaccións contra o Plano Acuícola da Xunta. Desta volta son os veciños e veciñas de Merexo (Muxía) os que se opoñen á ampliación da piscifatoría de Stolt, que pretende ocupar 270.000 m2 a carón da aldea. Técnicos de ADEGA e do SLG expuxeron aos veciños as características deste megaproxecto, parte dun Plano Sectorial delirante e insustentábel. Nas próximas semanas, segirán as xuntanzas por toda a costa cos afectados/as, constituindo plataformas, recollendo sinaturas e organizando a defensa do noso litoral.

Redacción - 13:36 10/08/2007
Tags:

 

O presente Plano Galego de Acuicultura pretende “determinar as condicións xerais para o futuro desenvolvemento da acuicultura mariña en terra” (SIC). No entanto, ao longo da súa exposición fálase continuamente de “sector acuícola” e “acuicultura galega” asumindo a representatividade dun sector no que a acuicultura en terra, nomeadamente a de peixes planos, representa unha mínima parte –concretamente o 1,8%- da producción total (4.000 Tm fronte a 222.000 Tm, datos de 2002) dun sector dominado pola acuicultura a flote e os parques de cultivo de moluscos.

Por isto mesmo, dubidamos do carácter estratéxico do vixente plano sectorial por canto responde ás necesidades dunha mínima parte dun sector económico –a acuicultura mariña en terra- esquecendo a aportación, esta sí verdadeiramente estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo que representan o 98,2% do total da producción e ocupan directamente a unhas 10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra.

Resulta pois incomprensíbel o esquecemento da “parte do león” dun sector económico fulcral para a economía galega, baseado noaproveitamento dos recursos autóctonos, xerador do 95% do emprego do sector e maioritariamente composto por profesionais, asociacións de produtores/as, confrarías e pequenas empresas de capital galego.

Entendemos que non está xustificado a elaboración dun plano sectorial que ven a ordenar só unha pequena parte dunha actividade, a acuicultura mariña en terra, con producións comparativamente moi baixas, produtos menor valor engadido, que non contribúe a poñer en valor os recursos mariños do litoral galego, xera poucos postos de traballo e está dominado por unhas poucas corporacións transnacionais.

O feito de que os proxectos sectoriais derivados deste plano conten ademáis cunha subvención pública que pode acadar até o 40% do investimento total, e tendo en conta a baixa xeración de traballo e a pobre contribución económica en comparación coa explotación dos recursos autóctonos, móvenos a afirmar que a acuicultura industrial en terra en absoluto contribúe ao desenvolvemento sustentábel social e económico de Galiza, mais sí ao desenvolvemento das importantes plusvalías das empresas do sector, sustentadas por todos nós.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: