Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RECUPERAR A MATERNIDADE

"Todas as mulleres podemos parir e dar o peito"

Ana Filgueiras Rei é antropóloga, presidenta da asociación Mámoa e nai de tres fillos. Investiga, por medio da recolla da tradición oral, a sabiduría sobre a crianza, o parto ou o embarazo, da que temos moito que aprender.

Lara Rozados - 13:46 05/10/2007
Un meniño mama. Flickr: Virginia Zuluaga

Un meniño mama. Flickr: Virginia Zuluaga

O sábado presentouse a Federación Galega de Asociacións de Apoio á Lactancia Materna (Fedegalma). Son moitos os colectivos galegos que levan ben tempo contribuíndo para que esta práctica sexa recuperada fronte ao uso dos leites artificiais: como o propio proceso de embarazo e o parto, a crianza dos fillos tamén foi sendo absorbida pola industria farmacéutica e por procesos médicos que non sempre son necesarios.

Pero cada vez son máis as nais (e tamén pais) conscientes de que é necesario recuperar a experiencia da maternidade, o xeito máis san de xestar, dar a luz e criar a un fillo. Xa puidemos coñecer as achegas de persoas que defenden outro tipo de parto que non sexa o medicado, e agora, na Semana Mundial da Lactación Materna, unha chea de actividades defenden o xeito máis natural de alimentar aos fillos.

Esta fin de semana, unha chea de asociacións convocan diferentes actos nas vilas e cidades galegas. E xa este xoves, en Lugo, a asociación Bico de Leite organizou unha conferencia sobre a maternidade e a crianza na tradición cultural galega. Outro acto encamiñado a recuperar a memoria perdida da maternidade. A conferencia correu a cargo da antropóloga Ana Filgueiras Rei. Vieiros falou con ela sobre maternidade e tradición cultural.

Vieiros: Como comezou a interesarse por esta área do coñecemento?

Ana Filgueras: A partir da miña propia experiencia como nai, e do contacto con mulleres maiores no meu traballo de campo. Máis ca por medio de enquisas ou métodos "académicos", traballei con elas a conversa. Hai un poder, uns saberes que as mulleres temos instintivamente de noso, un legado cultural importantísimo que se ten deixado de lado. E é unha sabedoría tan válida e tan lexítima como calquera outra. Pensamos que a ciencia é a única forma de coñecemento posíbel, pero realmente é a relixión de hoxe.

É un conxunto de saberes difícil de recuperar porque limítase ao ámbito feminino, transmítese de muller a muller. Pero tes que ter en conta que falas de vidas persoais, non tratas con "obxectos de estudo". Interésame moito todo o que podemos aprender da tradición oral. Cando falas coa xente tes que ter esa actitude, toda a disposición para aprender, e o máis difícil é que toda esta xente que conforma o meu traballo de campo ten 80 ou 90 anos, está en malas condicións físicas, e quédalles pouco tempo. E é moi triste que a xente morra sen que se recoñeza canto sabía, e sen sabéreno eles mesmos. Eu teño atopado auténticos sabios e sabias que non valoraban o seu propio coñecemento.

V.: E como se desenvolveu daquela ese traballo? Que foi o que estas mulleres lle ensinaron?


A.F.: Eu como arqueóloga coñezo ben o territorio, os elementos codificados como mitos (o meu campo é a mitoloxía). E existe unha íntima conexión entre estes saberes e o territorio do Noroeste peninsular: hai lugares sagrados e templos sagrados que as políticas actuais non respectan. Hai campañas de "posta en valor", pero realmente estamos creando unha cultura virtual mentres descoidamos o xenuíno.

Eu descubrín que as mulleres, en condicións moito máis adversas que agora, xestionaban o seu propio parto. Todas estamos preparadas. Aprendín a atender o meu instinto natural, e a reforzalo, souben que hai mecanismos naturais para parar ou acelerar o parto segundo o corpo cho indica... Descubrín o valor destas mulleres, a capacidade de enfrontarse á vida cara a cara, asumir as responsabilidades.

Aprendín o importante que é contar co apoio doutras persoas, o misterio do silencio, que ás veces é importante, a importancia da palabra ou do ollar como remedio terapéutico, e, dende logo, moitísimos remedios fitoterapéuticos, dos que chegou a apropiarse a medicina. Certos rituais e cerimonias foron demonizados como supersticións. Moitas teñen unha compoñente relixiosa, porque é algo moi presente na nosa cultura, pero a raíz é pagá. A medicina tense apropiado destas prácticas.En resumo, aprendín a ver máis alá do aparente.

V.: E que acontece coa nosa cultura contemporánea? Están realmente a mudar as cousas?


A.F.: A sociedade é industrial para todo, producimos en serie, tamén ás persoas. O tempo da maternidade non se valora porque non é produtivo, non xera cartos. Sempre parece que temos que priorizar a vida laboral sobre o coidado dos fillos. Eu son bastante autónoma e organicei a miña vida en función do que quería, pero coñezo mulleres que viven auténticas traxedias familiares para reincorporárense ao traballo. E moitas medidas que se ofrecen son para que deleguemos: depósitos onde deixar os nenos mentres seguimos producindo...

A baixa maternal non se corresponde co tempo que o fillo nos necesita. Como fas se queres darlle o peito ao teu fillo até os tres anos?As medidas que se están a desenvolver son un paso adiante: cómpre escoitar iniciativas que parten do ámbito civil. Eu mesma participei na mesa de elaboración do Plan de Atención Integral á Saúde das Mulleres, e puiden dicirlle unhas cantas cousas aos médicos que logo foron recollidas.

É preciso desafiar ao sistema social e á clase médica, porque decidirmos sobre a maternidade é un dereito que temos, non nolo poden negar.Hai moitos intereses económicos en xogo, empezando polos das multinacionais farmacéuticas: queren convencernos de que os seus produtos poden dárllelo todo aos nenos, pero un meniño do que nunca poderá prescindir é do afecto, e aleitalo non é só darlle alimento, é darlle afecto.

V.: Tamén é membro de Mámoa, un grupo de apoio para a lactancia materna. Como traballan dende o asociacionismo?


A.F.: Tomamos o nome un pouco porque a orixe etimolóxica do nome do monumento megalítico ten que ver coa forma de mama que ten, e polas lendas sobre as mouras, eses personaxes mitolóxicos que aparecen representados coa pedra da mámoa na cabeza e o neno no peito. O grupo naceu da necesidade das mulleres de compañía, de falar da súa experiencia. Eu mesma lembro como os horarios que me quería impoñer un pediatra no aleitamento da miña primeira filla causaron problemas.

Hai unha desinformación enorme. Non hai idades, constitucións físicas nin condicionante ningún: todas as mulleres podemos amamantar. O que tentaba o grupo era iso, devolverlles a confianza ás nais, dicirlles que si que son capaces. Nós non convencemos ás nais de nada, son elas quen acoden a nós para seren escoitadas. Ao principio eramos un grupo de extravagantes, e agora parece que por fin se está a normalizar.

Non deixa de ser curioso, con todo, que, mentres a imaxe da muller é tan explotada para unhas cousas, aínda haxa a quen lle parece chocante ver unha nai dándolle o peito ao fillo. É patético que ocorra iso. Pola contra, a min tenme pasado que, sentada nun banco dándolle o peito ao meu neno, achegábanse señoras maiores a dicir "que gusto dá ver isto outra vez!"


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: