Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Outro parto é posíbel (II)

"Por que un hospital? Sentíame máis segura na casa"

Dúas nais que decidiron ter aos seus fillos no seu fogar cóntannos as súas razóns para preferiren esta opción ao parto hospitalario.

Lara Rozados - 09:45 22/09/2007

Recentemente puidemos achegar a información que nos transmitiu Mª Dolores Martínez Romero sobre o Plan de Mellora de atención ao parto presentado pola Consellería de Sanidade. Que as mulleres dispoñan dos recursos para pariren como elas decidan era e é un dereito que moitos colectivos e persoas a título individual levan ben tempo demandando. Non é difícil coñecer mulleres que pasasen por malas experiencias no momento do seu parto, por un trato indebido, polo emprego de intervencións innecesarias ou simplemente por non poderen decidir como querían ter aos seus fillos.

Afortunadamente, dun tempo a esta parte tampouco é estraño oír falar de mulleres que optan por outras posibilidades para teren os seus fillos. Cada vez nacen máis asociacións e grupos de apoio para compartir experiencias sobre o embarazo, o parto e a crianza dos fillos. Mesmo a rede é cada vez unha ferramenta de comunicación máis útil para mulleres que non conseguen atopar información sobre temas como a lactancia materna ou o parto non medicado.

Nacer na propia casa

A información e o apoio de outras nais na mesma situación son as claves, moitas veces, para tomar as rendas do propio parto. Foi o caso de Estrela Gómez Viñas: ten un fillo de tres meses, Lois, que naceu na súa propia casa. Mais tivo ao seu primeiro fillo, Xiao, no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.

"Tampouco se pode dicir que fose desastroso, porque teño escoitado historias peores. Foi normaliño, pero con todo, eu saín de alí co sensación de que había unha intromisión na miña intimidade, de que tentaban dirixirme todo o tempo".

Ela informouse, e descubriu que hai outra posibilidade: "Como di Michel Odent, un xinecólogo francés que revolucionou o relacionado co parto, en actos tan primarios coma este temos que volver á nosa esencia mamífera. Se non hai ningún indicio de que vaia haber problemas, é mellor que o teu propio corpo che indique o que tes que facer. Como exemplo, neste primeiro test que lles fan aos meniños, o de Apgar, o primeiro dos meus fillos tivo un seis, e o que me naceu na casa, un 9".

Cristina Ibáñez Hormigos é vicepresidenta de Kanguras, unha asociación que prevén xa constituída legalmente para este outubro. Ten tres fillos e agarda outro para novembro: os dous primeiros partos foron hospitalarios, e foron experiencias moi desagradábeis. A terceira tívoa na casa, "e non hai comparación. Tamén é certo que o parto foi en Madrid, e alí hai moitas posibilidades". Desta volta, volverá a esta cidade, á casa da súa nai, para ter o seu cuarto fillo. "É onde máis segura e respectada me vou sentir", afirma. Tentouno coa matrona da zona da Coruña, pero non a atendeu, e o Hospital Comarcal do Salnés quédalle lonxe de máis.

"Non me quero arriscar a ter o neno no coche. Pero, por se me poño de parto antes da data, teño previsto presentar en Atención ao Cliente do Hospital que me corresponde, coa esperanza de que sexa respectado, un documento no que expreso os meus desexos e non autorizo a que se me practiquen determinadas intervencións. E o que en termos legais coñécese como "consentimento informado", algo que as mulleres temos dereito a esixir, segundo a Lei de Autonomía do Paciente".

A seguridade de ser capaz

Estrela lembra como unha médica chegou a dicirlle que parecía unha moda ou un capricho das mulleres iso de parir na casa, pero non é tal. Cita a Isabel Fernández del Castillo, autora d'A revolución no nacemento: "nun estudo que fixeron con ovellas, nun período de moitos anos ningunha tivera trastornos de conduta, e con só aplicar algunha epidural ou cesárea, elevouse o índice de abandono das crías. Cousas como a síndrome de post parto teñen unha razón: coutouse o fluxo hormonal normal que é o que marca o ritmo".

Ela sentiuse segura de si: "pensei 'para que necesito un hospital? Non me dá a seguridade que teño na casa'. Empecei a buscar información e non atopei moita cousa, até que vin unha reportaxe en Liña 900, na 2, que me deu esa seguridade. Eu quero poder moverme, non ter que deitarme porque mo diga un señor". A posición deitada non só é máis incómoda, senón tamén menos segura: "a vea que rega a placenta teno máis difícil, o chan da pelve está estirado e a canle de parto alóngase. Iso pode marcar a vida posterior: os esfínteres, a vida sexual... Pola contra, nas crequenas ou ás catro patas, o chan da pelve está máis consistente e a canle de parto redúcese".

Ante todo, respecto

Estrela celebra a proposta da Consellaría, pero con vixilancia: "todos os pasos que se dean nesta dirección están xenial, pero hai que ter en conta que non é só cuestión de que haxa unha unidade de partos, senón, sobre todo, da actitude coa que che traten. Se vai haber un área específica para este tipo de partos, pero despois vai pasar moita xente diferente por alí, ou a enfermeira que che trae un antibiótico che trata de determinada forma, pouco avanzamos".

Ademais, tampouco hai que desbotar que algunhas mulleres prefiran parir na casa. "Se cadra é máis rendíbel economicamente para a administración levalo ao centro sanitario, pero tamén é moi diferente estar nun ambiente ou noutro. Mira en Holanda, por exemplo, onde hai moitísimos partos na casa, e os índices de danos ou mortes dos bebés acabados de nacer son os menores de Europa".

Tamén Cristina afirma que lle produce "non reticencia, porque non deixa de ser positivo, pero si prudencia. Hai que ter en conta que nos centros hospitalarios pásache de todo: a min tócame o Marcide, aquí en Ferrol, e cóntanche cousas, dende quen tivo a sorte de ter unha matrona respectuosa até quen conta como a ataron e lle quitaron o fillo con ventosa".

"Ás veces as matronas non teñen autoridade, chega o xinecólogo e manda facer episiotomía porque é así o protocolo... Trátase de que non sexa unha cuestión de sorte, de que a nai poida decidir o que quere. E tamén é moi importante que se faga visíbel esta demanda da sociedade, que se nos respecte".

Tamén salienta que o fundamental non é o equipo técnico, senónm o humano, e que cómpre "darlle máis autonomía ás matronas e deixarlle aos médicos as complicacións. Débense revisar os protocolos actuais en base á evidencia científica e ás recomendacións da OMS, en que se considera o parto como o proceso fisiolóxico que é, para o que as mulleres estamos perfectamente preparadas, e que os desexos da nai e do bebé sexan respectados".


4,6/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un meniño recibido na casa. Flickr: Chris and Jenni
Un meniño recibido na casa. Flickr: Chris and Jenni
Unha doula e unha nai, preparadas para un parto na casa. Flickr: manueb
Unha doula e unha nai, preparadas para un parto na casa. Flickr: manueb
Unha muller agarda polo seu parto no salón da casa, arrodeada de amigos.
Unha muller agarda polo seu parto no salón da casa, arrodeada de amigos.