Nuria Otero, ademais de presidenta de Kanguras, é coordinadora local de O parto é noso e "doula". Esta palabra vén do grego, e usábase para nomear ás mulleres que axudaban ás que acababan de ser nais.
A antropóloga Dana Raphael empregouna de novo séculos despois para referirse a unhas "asesoras" que as novas mamás tiñan en Filipinas, que se encargaban de explicarlles como darlle o peito a un neno ou como coidalo. Agora, a doula é tamén unha persoa que asiste física, psíquica e emocionalmente a unha muller que vai parir.
Nuria é, como di, "galega de adopción". A súa filla naceu en Barcelona, no hospital: "non se respectou absolutamente nada do que eu quería. Hai cousas que nin me contaron, e cousas que non me consultaron e resultaban arriscadas, tanto para miña filla como para min, e fixéronas igual". Iso moveuna a ler, investigar, empezar a mergullarse por internet...
"Así coñecín "El parto es nuestro", cando aínda non había grupo local". Logo de ver "De parto", unha reportaxe emitida en "Documentos TV", na 2, moitas nais galegas empezaron a darse de alta. "A base de falar e descubrirmos que moitas mamás tiveran experiencias difíciles, comezamos a traballar". A primeira xuntanza foi en decembro do ano pasado. Empezaron catro socias, e hoxe xa son 20. O parto é noso dedícase a informar sobre os procesos de parto e as alternativas que existen en Galiza, ademais de brindar apoio psicolóxico a mulleres que tivesen un parto traumático, e faceren xuntanzas periódicas na Coruña e en Santiago.
Axudando a dar a luz
Sobre o que para ela é un traballo "apaixoante", conta que chegou a "doula" a raíz desa súa propia experiencia: "vivía fóra (meu pai e miña nai en Galiza), nunha soidade absoluta, cun bebé, e non sabía que facer... Empecei a investigar, e coñecín a figura da doula. Xa era tarde para o meu parto, pero aínda estaba a tempo de formarme".
Non existe unha formación específica oficial no Estado, pero Nuria buscou alternativas. "Fixen posgraos (son pedagoga e psicopedagoga), cursos de formación con xente como Michel Odent... Moita lectura e, sobre todo, moito estar coas nais, fixeron o resto". Kanguras naceu, precisamente, dun grupo de encontro de nais que se xuntaban cada 15 días e que nos sentían cómodas unhas coas outras, "tranquilas, non xulgadas".
"As mulleres ven que cada vez hai máis información: non é que a situación estea aínda normalizada, pero xa todo o mundo vai coñecendo alguén que opta por un parto diferente, xa non es "a rariña", hai asociacións que te apoian, pérdeslle o medo a falar cos médicos...", conta Nuria.
O camiño cara á normalización
O mundo da xinecoloxía, como ela afirma, era escuro e aínda cheo de tabús. "Vivimos nunha época de perda de responsabilidade sobre a nosa propia saúde, de medo a facérmonos cargo do noso corpo. Parece que o persoal médico é como un exército ao que non lle podes dicir que non". E non é fácil desfacer esa cultura de tantos anos, tanto que os usuarios o entendan e recuperen o poder como que os médicos o acepten e o perdan.
Para ela, é básico que esta información se normalice, "que aprendamos que o mundo do parto e do post parto non é nin tan doado nin tan difícil como para que teñamos que deixar que decidan por nós. Temos que volver ao noso instinto. A especie ten moitos coñecementos: por exemplo, pode ser que unha nai chegue a parir tombada, pero, por iniciativa propia, a ninguén se lle ocorrería pór as pernas á altura das orellas! Precisamos escoitármonos a nós mesmas e ao bebé, que naza cando queira nacer, permitir que as cousas sucedan".
É difícil nunha sociedade en que aínda existe unha relación moi marcada de poder entre persoal sanitario e paciente. "Para un médico é estraño que lle chegue unha señora e lle diga "quero isto", mais ten que ser quen de respectar a decisión, incluso, se as cousas non poden ir como a nai quere, darlle a mala noticia e sufrilo con ela. Pero ás veces incluso acontece o contrario, que hai represalias: nunha charla que tivemos o grupo local sobre os plans de parto, eu non dixen a ninguén que tiñan que presentar un plan de parto, senón que cada unha faga o que queira, porque pode haber profesionais que o tomen a mal".
Por iso considera que tan necesario é un cambio de actitude dos profesionais como que as mulleres estean informadas sobre os seus dereitos, e "teñan ferramentas para argumentar e discutir, non que cheguen a un hospital e que un xinecólogo, como xa ten pasado, lles diga que iso do parto natural é unha "solemne tontería".
Novas posibilidades
Sobre o Plan da Consellaría tamén se amosa optimista, pero advirte "a cousa non pode quedar en dúas bañeiras. Que pasa se vives nos Ancares? Non vas ir a Cee a parir! É algo que entendemos que está empezando, nos seus comezos, ten que ampliarse até permitir un abano de posibilidades".
Precisamente, que acontece coas mulleres que aínda así seguen querendo ter aos seus fillos no seu fogar? "O parto na casa é algo que aínda esperta moito medo na comunidade médica. Había a crenza de que, por exemplo, en Holanda, onde hai un índice moi alto de partos na casa, hai unha UVI móbil na porta da casa, pero non é así... É un coche, como podemos ter calquera de nós".
Unha matrona pode asistir un parto na casa sempre que o embarazo sexa de baixo risco e teña medios para, no caso de que se complique, chegar rápido a un hospital. "A propia OMS recoñece que, mesmo en primíparas, é tan seguro parir na casa como no hospital. Mentres non se empecen a escoitar as verdades non avanzaremos".
A información, como sempre, é a clave para cambiar as cousas. Saber que outro parto é posíbel abre novas perspectivas que poden enriquecer moito a experiencia da maternidade. "Vivimos nunha cultura que nos mete o contrario polos ollos: pensa como son os partos que se ven nos filmes de Hollywood... Ou mesmo os bebés, están todos con biberón, se non é un filme europeo independente, é raro que vexas a unha nai dando a teta. Aínda saíu hai pouco nos medios o caso dunha muller que deu a luz nun autobús. O condutor, que asistiu o parto, colleu o meniño polos pés e empezou a darlle palmadas no cu. Pero por que lle pega a un neno? É unha cousa que veu nas películas, e cre que é así como se fai, que o meniño ten que chorar como sexa. Ten que cambiar a mentalidade, dármonos conta de que o parto e a crianza son outra cousa".