A Garda Civil identifica a sindicalistas tras denunciar as empresas que desincharan as rodas das máquinas.
Un piquete dun cento de persoas logrou deter este mediodía as obras do tren de alta velocidade no concello de Lalín, segundo fontes sindicais. A segunda xornada da folga no sector da construción da provincia de Pontevedra consigue así un dos seus obxectivos principais, deter a principal infraestrutura pública que se está a construír en Galiza.
Os sindicalistas aseguran que non se produciron incidentes importantes, só “rife-rafes”. Con todo, indican que algúns deles foron identificados pola Garda Civil. A causa parece ser as denuncias dos empresarios, que din que os piquetes desincharon as rodas de varios vehículos das obras do AVE.
Parado o novo Consistorio
Antón Merallo, responsábel da CIG en Lalín e A Estrada, explica que “en Lalín o paro é total, incluída a construción do novo edificio do Concello”. Segundo Merallo, na capital do Deza detivéronse unhas 22 construcións tras a chegada dun piquete de Pontevedra.
O sindicalista afirma que os traballadores da Comarca están “moi receptivos” ás demandas dos folguistas, malia as trabas postas por algúns encargados de obra. En particular Merallo destaca a colaboración dos “moitísimos” traballadores portugueses, man de obra fundamental nas subcontratas do AVE.
“Explicámoslles, en galego, que loitamos por un convenio común, que tamén se lle aplicará a eles, e pararon” dixo o membro da CIG.
Xornadas de 12 horas
Os asalariados lusos son os que sofren as peores condicións laborais, con xornadas de ata 12 horas ao día, segundo denunciou o responsábel do sector da construción, Xesús Varela, nesta entrevista.
A Xunta quere mediar
A folga na construción da provincia de Pontevedra está convocada por CIG, UXT e Comisións. Está previsto que mañá continúe, así como os días 9 e 10 deste mes. Se non hai acordo será indefinida a partir do día 16.
Polo de agora non hai contactos entre sindicatos e patronal, malia que a Consellería de Traballo prometeu onte que ía facer de intermediario.