Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TENSIÓN NA FOLGA DA CONSTRUCIÓN

"A patronal está botándonos un pulso que temos que gañar"

O responsábel do sector da construción de CC.OO, Xesús Varela, denuncia niveis de precariedade do 90% e xornadas laborais de ata 12 horas para os obreiros portugueses.

Manuel Vilas - 13:24 03/10/2007
X. Varela, responsábel de Comisións Obreiras na construción

X. Varela, responsábel de Comisións Obreiras na construción

Xornadas de até 12 horas e un 90% de contratos temporais. Esta é a situación, segundo os sindicatos, do sector da construción da provincia de Pontevedra.  CIG, Comisión Obreiras (CC.OO) e UXT organizan unha folga que entra hoxe na súa segunda xornada sen perspectivas de solución. Visto o precedente da mobilización do metal, a ninguén se lle escapa que, de non haber acordo, a protesta pode causar incidentes nos próximos días.

Nesta entrevista, o secretario xeral da Federación da Construción e da Madeira de Comisións, Xesús Varela, desminte as acusacións dos empresarios, que din que hai piquetes que usan a violencia contra os que queren traballar.

Hoxe mesmo os traballadores desprazáronse a comarca do Deza para deter as obras do AVE e a actividade en Lalín. A folga está convocada para hoxe e os días nove e dez de outubro. Se non hai acordo, será indefinida a partir do 16.

Cal son as reivindicacións dos folguistas?
A principal é o salario. Reunímonos ata once veces coa patronal, nós pedíamos algo máis do convenio sectorial que firmaron en Madrid, que era só un aumento do 3,5%. Ademais tamén reclamábamos un incremento lineal, igual para todos. Así, un oficial de primeira cobraría, por exemplo, uns 80 ou 100 euros máis.

Pero tamén piden menos precariedade no sector ...
E é que a construción ten uns niveis de estabilidade moi baixos porque hai moita subcontrata! Andamos nun 85-90% de contratos temporais nas subcontratas. Agora, pola nova lei, teñen que facer un 30% máis de fixos. Nós pedimos un 10% máis, que os fixos sexan polo menos o 40%.

E como vai a folga?
Até o de agora é un éxito dos traballadores. Pero hai que aguantar, a patronal está botándonos un pulso que temos que gañar. Hai que pensar que, polo de agora, nin sequera nos chamaron para negociar.

Os empresarios, a APEC, acúsaos de organizar piquetes violentos para obrigar a ir a folga aos que non queren...
Todos sabemos como son as folgas, pero isto é unha democracia e se un quere ir ao traballo ninguén llo vai impedir. O que hai son piquetes informativos. Nalgún intre produciuse algún conato de enfrontamento verbal, pero ninguén chegou as mans.

Un dos seus compañeiros na folga, a CIG falou de estender a mobilización a outros sectores, como a madeira ...
Comisións aínda non ten unha postura oficial sobre esta proposta. Pero eu véxolle que os da CIG algo de razón si teñen porque, por exemplo, hai moitas canteiras na zona de Porriño ás que lles aplican o convenio da construción. Polo tanto, sería perfectamente lícito levar á folga a esas empresas.

Tamén hai moitísimos traballadores portugueses...
A presenza de man de obra estranxeira é algo moi frecuente. Estamos a falar de entre 15.000 e 20.000 traballadores portugueses que traballan na construción galega, sobre todo nas subcontratas que se encargan da primeira fase da obra, como os encofrados.

Como son as condicións dos obreiros de Portugal?
A nivel legal os dereitos son os mesmos, porque son traballadores da Unión Europea. E como tales están participando na folga. Outra cousa é que os seus empresarios se aproveiten deles para pagarlles menos que aos galegos e que os fagan traballar xornadas de 10 e 12 horas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: