Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Até 30.000 deica o verán

Bush anuncia a retirada parcial de 5.700 efectivos militares de Iraq

Nun discurso retransmitido para todo o país, o presidente dos EUA asegurou que "canto máis éxito se teña, máis tropas poderán regresar á casa".

Redacción - 09:50 14/09/2007

O presidente estadounidense, George W. Bush, defendeu a guerra de Iraq, aínda que anunciou a orde de reducir as tropas estadounidenses no país por primeira vez dende a invasión militar de 2003. Nun discurso de preto de vinte minutos retransmitido pola televisión nacional, Bush asegurou que "canto máis éxito se teña, máis tropas estadounidenses poderán regresar a casa".

O presidente defendeu a guerra ao soster que a insurxencia que ameaza o futuro de Iraq tamén supón un perigo para a seguridade nacional de EUA e, por iso, o seu exército debe continuar na batalla. Unha vez que o repregamento gradual e limitado ordenado por Bush conclúa no mes de xullo de 2008, máis de 130.000 efectivos permanecerán en Iraq, unha cifra similar á que había no país antes de que o presidente ordenase o envío de reforzos en xaneiro.

Segundo revelou Bush, o principio no que se baseará para determinar o nivel de tropas que deben estar en Iraq é "regresar segundo o éxito". As primeiras forzas que regresarán serán un total de 5.700 soldados e farano no Nadal. Ademais, catro brigadas -o que supón polo menos 21.500 efectivos- volverían a casa en xullo de 2008. Na actualidade, hai 168.000 efectivos estadounidenses en Iraq.

Presencia de EUA máis aló da retirada

Bush recordou no seu discurso que a implicación de EUA en Iraq estenderase máis aló do seu mandato e requirirá o apoio militar, financeiro e político de Washington. Sostivo que os líderes iraquís pediron unha relación "duradeira" con Estados Unidos e están preparados para "iniciar a construción desa relación nun modo que protexa os intereses estadounidenses na rexión e requira moitas menos tropas".

A xuízo de Bush, o plan anunciado no seu discurso permitirá "por primeira vez en anos, que a xente que estivo en lados opostos neste difícil debate pasen ao mesmo lado".

Ademais, nunha mensaxe dirixida "aos que cren que os logros en Iraq chegan demasiado tarde", asegurou que "están equivocados", xa que "nunca é demasiado tarde para golpear Al Qaeda", nin para "avanzar cara á liberdade". E nunca é demasiado tarde "para apoiar ás tropas nunha loita que poden gañar", resolveu.

O presidente asegurou que, sexa cal fose o partido ou a posición fronte a Iraq dos estadounidenses, estes deberían ser capaces de porse de acordo en que "EUA ten un interese vital na prevención do caos e en proporcionar esperanza no Oriente Próximo".

Advertencia a Irán
Bush recoñeceu tamén que o goberno iraquí fracasou nos obxectivos marcados para a reconciliación política e para a seguridade. Tamén se referiu aos países veciños, especialmente Irán, para que deixen de minar o goberno de Bagdad, e advertiulles de que a violencia extremista cuxo obxectivo é Iraq tamén lles persegue a eles.

Por último pediulle á comunidade internacional axuda para revitalizar a economía en Iraq e apoio para unha misión ampliada de Nacións Unidas no país.

Máis información: The New York Times, Washington Post, USA Today, Democracy Now


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: