Ao tempo que o goberno Bush teima en Estados Unidos para levar adiante o seu plan de ampliación da presencia militar en Iraq, desde o Reino Unido chega o anuncio dun calendario concreto para a retirada total das tropas. O primeiro ministro británico, Tony Blair, avanzou que en 2007 deixarán o país até tres mil soldados, e que o resto sairá antes da fin de 2008. A decisión coñécese un día despois de que unha sondaxe agoire que os laboristas perderían as próximas eleccións.
Nas próximas semanas un total de 1.500 soldados británicos sairán de Iraq, e outros 1.500 volverán ao Reino Unido antes do Nadal, segundo as informacións publicadas pola prensa británica. O anuncio oficial realizaríase este mesmo mércores, durante a intervención semanal do primeiro ministro na Cámara dos Comúns.
Blair xa comentara en público hai poucos días que consideraba que a operación para traspasarlle á administración iraquí o control da seguridade na área de Basora, no sur de Iraq, foi completada con éxito. Segundo insinuara o primeiro ministro británico iso anunciaba unha próxima retirada dos sete mil soldados que o Reino Unido aínda mantén no país.
Ao fío lembramos que este mesmo martes o xornal The Guardian publicara unha sondaxe que prognosticaba a vitoria dos conservadores británicos nas eleccións que se celebrarán en 2009 ou 2010. A enquisa situaba ao líder dos Tories, David Cameron, até trece puntos por diante de Gordon Brown, relevo de Blair á fronte dos laboristas.
Poden ampliar en The Guardian e na BBC.