"Os que mataron a Bóveda mataron unha Galiza chea de luz, pero nós crearemos outra nova e entón o mártir revivirá". Así o escribira Castelao en 1942 nas páxinas d'A Nosa Terra. Palabras que nesta xornada soben a primeiro plano.
Como cada 17 de agosto, o centro principal das conmemoracións está na Caeira, en Poio, no lugar onde en 1936 fora asasinado Alexandre Bóveda.
A pé do monumento na súa lembranza ten lugar a cerimonia máis emotiva, apadriñada entre outros pola institución que leva seu nome, a Fundación Alexandre Bóveda.
"Lume vivo" na memoria
"Ti eres lume vivo, acesa chama,/roita irreversíbel de futuro;/potente trebón que berra e crama,/home do pobo, asoballado e puro!". Velaquí un anaco dos versos adicados polo recentemente finado Manuel María ao galeguista Alexandre Bóveda. Hai xa 68 anos que o exército sublevado fusilou a Bóveda na Caeira, en Poio. Na memoria do deputado ourensán e do resto de vítimas republicanas da Guerra Civil celebramos o "Día da Galiza Mártir".