A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica adía os traballos na Fonsagrada despois de recuperar até once corpos en dous foxos.
O colectivo aparca polo momento os traballos neste área, despois de atopar os cadáveres de até 11 republicanos asasinados, 8 no primeiro foxo e 3 no segundo enterramento investigado. Con todo, explican que non hai referencias firmes sobre paradoiro exacto do Comandante Moreno. O próximo mes de setembro ou mesmo a finais deste mes de agosto, os arqueólogos poderían volver á zona para seguir o labor.
Despois dos restos encontrados a pasada fin de semana, os investigadores agardaban que o último foxo puidese conter os corpos doutros catro membros do Batallón Galicia e do Comandante Moreno, xa que se sabe que foran enterrados en días posteriores ao 29 de outubro de 1937, o día no que se produciran os asasinatos doutros oito compoñentes do Batallón.
A Asociación solicita que se poñan en contacto co colectivo os familiares de Emilio Novas Naya (nado en Vilaboa), Enrique García Lago (de Mugardos), Xosé Fernández Patiño (orixinario de Noia), Xosé Barros Germade (procedente de Betanzos), Luís Rafael Villar Sánchez (vigués), Albino Domínguez Márquez (de A Cañiza), Enrique Viadero Haya (de Armeiro, Cantabria) e Manuel Rivas Rey e Xosé Beado Gil (de Forcarei).