Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festivais en Moaña, Bretoña, Pardiñas e Zas

Prepárate para a fin de semana máis 'folkie'

Durante a fin de semana coinciden o Festival Intercéltico do Morrazo, o Lugnasad de Bretoña, o Festival de Pardiñas e a Festa da Carballeira de Zas.

Redacción - 14:00 03/08/2007
Cartel da Carballeira de Zas

Cartel da Carballeira de Zas

A primeira fin de semana de agosto, sen dúbida a máis festeira do país, preséntase tamén moi recomendábel para todos os folkies. Mágoa, porén, que non se poidan multiplicar para poderen asistir aos catro grandes eventos que se desenvolven espallados por toda a xeografía do país.

Dende o xoves, Moaña é a sede do XXIII Festival Intercéltico do Morrazo, catro días con todo tipo de propostas, entre música, contacontos e obradoiros. O venres, o teatro de Codia e Miolo, a música de Blima, Serra-lhe Aí e Korrontzi abren o festival propiamente dito. O sábado é a quenda de Pé de Boi, Quempallou e Mercedes Peón, pola noite, e as charanga Lembranzas da Ría, polo día. O domingo pechan os espectáculos Xochilmica e Oskorri.

Outra pura festa celta é a que se celebra en Bretoña, parroquia da Pastoriza onde se cre que tivo a súa sé a mítica Britonia, terra de Mailoc. O Lugnasad desenvólvese o venres 3, coa participación de druídas, contadores de lendas e as actuacións de música folc de Linho do Cuco, Stranniki ou Cantigas e Frores.

Non moi lonxe de Bretoña celébrase un dos festivais máis míticos do país, o de Pardiñas, en Guitiriz. Vinte e oito anos de historia levan até o lugar a grupos como Ghaita de pedra, Os Cempés ou Elzef. Organizado pola asociación cultural Xermolos, desenvólvese entre o sábado e o domingo, con música, unha mostra de instrumentos tradicionais e un obradoiro de baile.

E en Zas, o sábado é o día da Festa da Carballeira, que chega á súa edición número 24. Unha xornada con moita e boa comida e, por suposto música, con representantes como Pepe Vaamonde Grupo, Sharon Shanon, Lhan de Cubel, Radio Cos, Xiradela ou Castro de Meda.

Máis información sobre estas e moitas outras celebracións en Vieiros Festas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz do Festival de Pardiñas
Cartaz do Festival de Pardiñas
O Intercéltico de Morrazo chega á edición 28
O Intercéltico de Morrazo chega á edición 28