Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Morrazo

RSS de O Morrazo
COMEZAN AS ACTIVIDADES DO INTERCÉLTICO DO MORRAZO

Aberta a inscrición prós obradoiros do Festival Intercéltico do Morrazo

Gaita, percusión, baile galego e baile bretón, irlandés e escocés serán os temas dos cursos, que comezarán o mércores 26.

- 17:19 24/07/2006
Tags:

A XXII edición do Festival Intercéltico do Morrazo comeza o hoxe luns 24 de xullo cun programa que vai máis alá dos concertos. Unha das actividades previstas é a posta en marcha de obradoiros gratuitos de gaita, percusión, baile galego e baile bretón, irlándes e escocés ós que xa se poden apuntar aqueles que estean interesados en iniciarse ou mellorar a súa práctica nestas artes.

Os obradoiros terán lugar no Centrol Cultural Ramón Cabanillas e correrán a cargo respectivamente de Alberto Costas, Diego Mariño, Sergio Cobos e Jesús Cancelas, nomes de recoñecido prestixio nos seus campos de actividade. Serán preto de dúas horas diarias de traballo durante catro días, que culminarán o sábado cunha xuntanza nas pistas da praza onde os alumnos darán mostras do que aprenderon.

Os horarios dos obradoiros serán os seguintes: o de percusión de seis a oito da tarde excepto o sábado, día no que comezará ás sete e rematará ás oito e media; o de gaita, de oito a dez excepto o venres, que rematará ás nove e media, e o sábado, día no que horario séra de sete e media a oito e media. O obradoiro de baile galego non se impartirá o mércores polo que o xoves contará con dúas clases (de doce a dúas e de cinco a sete da tarde), o venres o horario será de seis a sete e media mentres que o sábado a clase estenderase de cinco a sete. Por último, o obradoiro de baile bretón comezará ás oito e rematará ás dez tódolos días agás o sábado, no que a clase comezará ás sete e rematará ás oito e media.

Para inscribirse nos obradoiros, os interesados deberán acudir ó concello de Moaña ou chamar ós teléfonos 605 094 203 ou 986 324 358

Tres exposicións

A XXII edición do Festival Intercéltico do Morrazo finalmente contará con tres exposicións fotográficas abertas o público dende o luns día 24. Os temas destas mostras, que poderán ser visitadas en catro locais da vila, serán a historia de Moaña dende principios do século XX, a historia do Festival Intercéltico e a música tradicional de Galicia.


0/5 (0 votos)