Avisámoslles con tempo para que risquen cita na axenda e vaian preparando viaxe para a gran fin de semana folc nas vilas galegas. Volven a Carballeira en Zas, vinte e tres anos de historia, e o Festival de Pardiñas, en Guitiriz, que xa vai pola vixésimo sétima edición. Artistas de case que todos os países do mundo van pasar por estes dous eventos da música nos que, ademais de bos concertos, maratóns populares, obradoiros de xoguetes antigos e exposicións van completar a oferta de lecer destas propostas.
O Festival de Pardiñas, no concello lugués de Guitiriz, presenta nesta súa nova edición a nove grupos relevantes do panorama folc internacional entre os que destacan os Ruxe Ruxe, Uxu Kalhus, Leilía ou Ialma. Para esta edición da xuntanza, os organizadores escolleron a Neira Vilas como pregoeiro e a Esperanza Lema como autora do cartel. Ademais dos anteriores, os participantes desta XXVII xuntanza de Pardiñas serán os marroquís Basidou, Korrontzy, Trópico de Grelos e N'Faly K e Dunyakan.
Os regueifeiros Luis Caruncho e Benito Lavarinhas van convivir coas gaitas de cana, os recorrecos ou os asubíos de avelá que forman parte da mostra de xoguetes sonoros do festival e a charanga de música tradicional Os Campantes da Baña amosará tamén os seu saber facer no mundo da música tradicional galega. A asociación Xermolos, organizadora do festival, trouxo a Guitiriz a María Manuela, Milladoiro ou Na Lúa durante os seus máis de vintecinco anos de historia. Segundo din, debido á afluencia de xente e á "imposibilidade de concentralo todo nun só día" decidiron que o festival se alongase outro día máis con actividades como a mostra de instrumentos de música tradicional, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos.
Os organizadores da xuntanza de Pardiñas non só devecen pola música tradicional, senón que se dedican ao estudo da terra e da cultura. Para elo, preparan o segundo Congreso da Cultura da Terra Chá que tratará a historia da comarca, en colaboración coa Fundación Manuel María, "que naceu dentro de Xermolos para proxectar as súas actividades en toda a comarca", din.
Non quedan atrás os da Carballeira, festa da música que se ven celebrando na localidade coruñesa de Zas desde fai 23 anos. Ao contrario que no caso anterior, os organizadores da Carballeira non só organizan este encontro por amor á arte, senón porque son respectuosos cunha lenda, a que di no bico do Monte do Castro agocharon os mouros un fabuloso tesouro de barras de ouro e prata dende tempos inmemoriais. Se aínda segue alí tal fortuna é debido a que, de ser atopado, viría a desgracia sobre a vila. Sabedores da sorte que poderían correr, os de Zas decidiron organizar un festival "para agradar" aos mouros, ademais dos visitantes que se acheguen.
Hoxendía, a asociación Castro Meda consegue xuntar arredor da Carballeira a milleiros de persoas diante de boa música folc, dunha zona de acampada, do tradicional xantar e dunha exposición que repasa os vintedous anos de festa. Os que lle van pór música a esta edición son o grupo de baile e música da Asociación Casto Meda, os carballeses Bilitroque, e a agrupación folclórica San Xiao do Trebo, de Cariño. Xa á noite, as pandereteiras Raigañas, de Malpica, Xochilmica, Cristina Pato Mutenrohi desde a Galiza e Lunasa e Comas, de Irlanda e Bélxica respectivamente, farán que volva sonar a Carballeira un ano máis.
Mentres que o acceso ao Festival de Pardiñas é gratuito, quen decida achegarse á cita coa música de Zas deberá pagar cinco euros, cos que poderá levar á casa un cd con dous temas de cada un dos artistas que participan na xuntanza. A novidade da edición deste ano da festa da Carballeira é a posibilidade de descarga dun fondo de pantalla e mais do cartel que cubre as rúas e prazas das cidades na procura de visitantes. A cita será este sábado.