Conta coa presenza do presidente da Fundación Catelao, Avelino Pousa Antelo, e do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.
O Consello Galego de Cooperativas celebra este sábado en Ourense a festa do cooperativismo galego, coincidindo co Día Internacional do Cooperativismo.
No evento daranse a coñecer os resultados do concurso do Certame de curtametraxes Cooperación XXI que o consello Galego de Cooperativas creou este ano. Tamén se fará entrega dos premios á cooperación de 'Proxectos cooperativos experimentais' e do 'Cooperativismo no ensino'.
Á xornada foron convidadas todas as cooperativas de ámbito nacional, que se dan cita no centro educativo Luis Vives de Ourense, onde se celebran os actos.
Ricardo Varela e Pousa Antelo
O conselleiro de Traballo e presidente do Consello de Cooperativas, Ricardo Varela, é o encargado de inaugurar o encontro que se organiza baixo o lema Cooperativas: empresas socialmente responsábeis. Pola súa banda, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, pronunciará unha conferencia na que falará do movemento cooperativista en Galiza.
Tras o xantar, haberá xogos cooperativos para pequenos e maiores. Ademais, os asistentes poderán facer unha visita guiada ao centro Luis Vives, así como ver unha exposición dos traballos cooperativos e presenciar a proxección das curtametraxes do concurso Cooperación XXI.